A EGAP porá o foco na formación en igualdade e novas tecnoloxías

xoves, 21 de decembro do 2023 S. P.

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentou este xoves 21 de decembro, ante o Consello Reitor do organismo, o Plan de formación do persoal empregado público para o ano 2024, no cal inclúense importantes novidades nas áreas de igualdade e novas tecnoloxías.
Na área de novas tecnoloxías ofertarase un programa de actividades completo e específico que abordará materias como a Intelixencia Artificial, a Administración Electrónica, a ciberseguridade ou a robotización aplicada á xestión pública. Ademais, convocaranse as sete actividades correspondentes ao nivel de iniciación da Certificación galega en competencias dixitais (ComDix).
Dentro da convocatoria específica sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, impartirase unha formación de 150 horas sobre a integración da perspectiva de xénero na práctica administrativa ademais de novos cursos sobre atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero, detección da violencia de xénero na muller maior, xestión da diversidade sexual e de xénero ou prevención da LGTBI fobia.
O plan do ano 2024 tamén inclúe dous cursos de nivel superior de lingua inglesa, novos títulos en materia de economía pública (ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia), e formación dirixida a procurar o benestar laboral con cursos específicos sobre coidado da saúde, relacións saudábeis e produtivas no traballo ou deseño de plans de benestar para o ámbito laboral.
En total estas actividades suporán a convocatoria ao longo do próximo ano de 592 cursos e 36.664 prazas, dirixidas en exclusiva ao persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como ao persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

PUBLICIDADE