A EGAP organiza unha xornada sobre cloud computing

luns, 14 de decembro do 2009 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebra hoxe unha xornada na que se analizan os retos e as oportunidades que ofrece Internet e os servizos na nube ás empresas e administracións. A xornada, absolutamente pioneira en España, está dirixida ao persoal da Xunta de Galicia e interesados en xeral.
Os servizos en nube ou cloud computing prestan hoxe en día o desenvolvemento de maior envergadura en Internet. Utilidades que de ordinario só se prestan dende o propio ordenador ou rede corporativa, comezan a ofrecerse en cada vez maior medida a través da Rede. É o caso das contas de correo electrónico, o tratamento de textos ou os programas esenciais para administracións ou empresas; como poden ser os dedicados á xestión das nóminas, por exemplo.
En virtude diso, os datos deixan de almacenarse nos servidores do usuario para facelos nos da empresa que resta o servizo, ou como algúns prefiren dicir, na Internet, na nube. Esta evolución producirá sen dúbida importantes vantaxes para a Administración e a empresa como unha maior cooperación e aforro de custes, entre outras, aínda que tamén apunta serios riscos: intimidade, protección e seguridade de datos, etc.

PUBLICIDADE