A EGAP organiza un curso de 240 horas sobre sistemas de información xeográfica

martes, 24 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede ten moitas maneiras de amosar as súas vantaxes e utilidade, e unha das máis salientábeis, de cara a un pobo coma o noso, especialmente ligado á terra, é sen lugar a dúbidas a que vén da man dos sistemas de información xeográfica. Baixo este nome, agrúpanse todo tipo de ferramentas tecnolóxicas coas que medir, avaliar, rexistrar e localizar, a vista de paxaro, o noso territorio a golpe de clic. O seu potencial, tanto de uso de seu como de capacidade divulgadora das TIC, é ben grande, de aí que a EGAP puxese en marcha un curso sobre a cuestión dos SIX, dunha duración de 240 horas e coa vantaxe de contar con profesores e técnicos especializados nestes servizos.
Como dixemos, o Curso de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) vén da man da EGAP, a Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET).
A actividade está deseñada para que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e habilidades necesarias para aplicar solucións con información xeoespacial empregando os devanditos sistemas. Segundo informan fontes da EGAP, o curso “combina o estudo dos fundamentos teóricos dunha ferramenta SIX cunha completa formación práctica no uso dos sistemas de información xeográfica co obxectivo de que os alumnos aprendan a xestionar a información xeoespacial de maneira eficiente”. A actividade ten como obxectivo universalizar o uso dos SIX na Administración e que este tipo de tecnoloxías e as súas aplicacións se dean a coñecer á sociedade.
Os alumnos recibirán gratuitamente unha licenza do programa Arcgis 10 válida por un ano, que se lles instalará no seu portátil a aqueles alumnos que prefiran seguir as clases prácticas co seu propio portátil.
· Número de prazas: 30
· Destinatarios: empregados públicos -do grupo A (subgrupos A1 e A2), dos grupos I e II do persoal laboral ou persoal eventual- (15 prazas), e persoal contratado polas administracións públicas ou profesionais con estudos superiores relacionados co eido de estudo (15 prazas).
· Duración: 248 horas, entre o 1 de outubro de 2012 e o 13 de xuño de 2013
· Lugar: Sede da EGAP, Santiago de Compostela
· Horario: luns e mércores das 16.00 ás 20.00 horas
· Prezo da matrícula: entre 1.200 e 2.400 euros (en dous prazos)
· Prazo de inscrición: do 20 de xullo ao 8 de agosto
· Lugar de inscrición: http://egap.xunta.es/cursoSig
· Máis información: http://egap.xunta.es/fichacurso/index/6108

PUBLICIDADE