A EGAP desenvolve un videoxogo que favorece a boa práctica da nova Lei de contratos da Xunta

venres, 27 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), co fin de favorecer e impulsar o coñecemento e as boas prácticas no tratamento da nova Lei de contratos do sector público entre os traballadores da Xunta de Galicia, vén de desenvolver o Xogoleco, un xogo interactivo que lle permitirá aos usuarios familiarizarse coa devandita lei de xeito sinxelo e divertido.
O videoxogo, que vai dirixido, principalmente, aos empregados da Administración e a todas aquelas persoas interesadas nesta normativa, conta con cinco modalidades de xogo distintas, e está accesible a través da páxina web da Escola.
Esta experiencia é, segundo os seus responsables, “pioneira nas escolas de administración pública de España”, e está baseada na tendencia, cada vez máis frecuente, de empregar videoxogos como novos modelos de ensino-aprendizaxe, denominada Game-Based learning.
Neste senso, nos últimos anos está a medrar o número de empresas e entidades que comprenden a importancia de incorporar instancias lúdicas aos seus procesos formativos, tendo en conta que os videoxogos, como calquera outro recurso cultural, son ferramentas de socialización que aportan ao xogador competencias e habilidades instrumentais e sociais.

Funcionamento do videoxogo

Para participar no Xogoleco o primeiro paso é rexistrarse, e para iso, o usuario deberá introducir distintos datos básicos como o seu nome, apelidos e posto de traballo ou ocupación, así como o nome de usuario e o contrasinal escollido; estes últimos será necesario volver a insertalos cada vez que o usuario desexe acceder de novo ao xogo.
O segundo paso que debe dar o xogador é acceder aos contidos do xogo; farao a través dunha lectura detida do bloque Nova Lei, no que se atopa un mapa conceptual co que acceder a todo o desenvolvemento normativo. Asemade, no bloque Novidades atoparase unha explicación detallada de todos os cambios introducidos pola nova normativa de contratos do sector público respecto da anterior.
No momento de comezar a xogar as modalidades entre as que se pode optar son as seguintes: parellas (emparellar termos coa súa definición), roda (resolución en cinco minutos dunha serie de preguntas correspondentes a unha roda de letras), encrucillado (relacionado co tema de estudo), aforcado (clásico xogo do aforcado no que tes que adiviñar un termo a través da definición achegada) e completar os textos (elixir a palabra adecuada dun listado que se te ofrece para completar correctamente un texto).

Puntuacións

Cada vez que se remate un xogo obterase unha puntuación que, de ser das máis elevadas entre todos os usuarios, aparecerá nun ranking global. Cada un dos xogos puntúa dun xeito distinto: no xogo das parellas e no de completar textos cada acerto sumará un punto e cada erro restarao; na roda obterase tres puntos con cada certo e restarase outros tres con cada equivocación; no encrucillado gañaranse cinco puntos por cada palabra acertada e os erros non contarán e, por último, no aforcado obterase un punto por cada letra acertada e tampouco contarán os erros, aínda que só haberá cinco intentos antes de aforcar ao moucho. Pola súa parte, o total de puntos do ranking global será igual á suma dos puntos obtidos en cada xogo, polo que, cantos máis xogos se fagan, máis puntuación sen obterá na clasificación.
A nova Lei de contratos, a Lei 30/2007, de 30 de outubro, ten por obxecto regular a contratación do sector público, a fin de garantir que a mesma se axuste aos principios de liberdade de aceso as licitacións, a publicidade e transparencia dos procedementos e a igualdade de trato entre os candidatos.

PUBLICIDADE