A EET de Vigo celebra o Día das Telecomunicacións cun debate sobre as necesidades TIC das nosas empresas

xoves, 12 de maio do 2011 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo está a celebrar estes días o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade de Información 2011, programado para o 17 de maio pero extensíbel ás xornadas previas. Segundo se informa na páxina web da Universidade de Vigo, dáse a circunstancia de que este ano as conmemoracións coinciden co 25 aniversario do dito centro. A coincidencia materializouse en diferentes actividades de divulgación, entre as que se contou unha mesa redonda-coloquio sobre as Telecomunicacións e un dos seus grandes obxectivos: afianzar a súa presenza nos parques empresariais. Esta foi a base da sesión na que participaron Edita de Lorenzo, directora da Escola, Santiago Gómara, presidente da Federación Galega de Parques Empresariais, Ramón Bermúdez, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Jorge Cebreiros, presidente de Ineo e Fernando Pérez, director de Gradiant.
Como dixemos, un dos principais puntos de debate foi a necesidade de modernizar, con novas tecnoloxías da información e da comunicación, as nosas contornas industriais, espazos que segundo sinalaron os participantes na mesa redonda abranguen arredor de 47 millóns cadrados de solo. Falamos polo tanto dun total de 110 parques industriais, comerciais e de servizos, onde desenvolven o seu labor unha manchea de empresas que requiren todo tipo de apoios e solucións no que dixitalización e optimización dos seus procesos se refire.
As cifras, advertiu Santiago Gómara no seu relatorio TIC e a empresa nos parques empresariais de Galicia, falan por si soas: só seis de cada 10 firmas usan a sinatura dixital e só o 19% realiza intercambio automatizado de datos. “Queda moito traballo no campo da firma dixital e da factura electrónica, está moi verde a pesar de que é o futuro co crecemento da e-administración. Aí é onde precisamos a axuda dos enxeñeiros de telecomunicación”, manifestou Gómara.
Os atrancos son moitos e variados, pero a falta de infraestruturas axeitadas é unha das grandes materias que fican pendentes. “Precisamos velocidade e seguridade porque son medios que xa se están a empregar para calquera tipo de comunicación, como a videoconferencia, por iso tamén necesitamos que haxa un maior número de operadores que dean un servizo competitivo. Sen embargo, os parques pequenos non dispoñen de nada”, comentou.
No evento tamén participaron o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, e o director xeral de Gradiant, Fernando Pérez, que fixeron fincapé en que alén dos problemas comúns aos complexos empresariais, e ás relacións mesmas entre empresas e clientes, cada polígono ten as súas circunstancias particulares. Na súa opinión, isto non permite unha solución única e definitiva, senón respostas dinámicas que sexan quen de adaptarse ás particularidades espaciais e ao paso do tempo.
O sector das telecomunicacións é diverso e onde non chega a fibra óptica chega o Wi-Fi”, comentou Fernando Pérez, director xeral de Gradiant, ao tempo que subliñaba unha das principais características do tecido TIC: “É un sector que avanza moi rápido e unha solución que adoptaches hoxe mañá pode quedar obsoleta”.

PUBLICIDADE