A EE de Telecomunicación forma a 30 estudantes fronte ás ciberameazas

venres, 14 de xullo do 2017 Redacción

O equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación está a organizar a segunda edición do curso Introdución á ciberseguridade, logo dos éxitos colleitados pola primeira convocatoria, na que participaron 30 estudantes. O obradoiro, de 44 horas de duración, lévase impartindo dende o 1 de xuño e a súa docencia continuará ata o vindeiro 20 de xullo en horario de tarde. Un dos seus obxectivos, en palabras do director da cita Escola, Íñigo Cuiñas, é dar resposta a un interese que non para de medrar: o do profesorado e alumnado acerca das metodoloxías máis acaídas para atallar a problemática da seguridade dixital. Dito doutra maneira: cada ano que pasa medra a cantidade de xente que quere estar preparada fronte a un ciberataque e no curso, precisamente, apréndeselles a estalo.
Nesta edición ocupáronse 29 prazas das 30 ofertadas. O alumnado é principalmente estudante ou graduado nas diferentes titulacións de Enxeñaría de Telecomunicación e de Informática, aínda que tamén hai participantes doutras titulacións, así como profesionais en exercicio con outras orixes en canto a titulación pero con interese nos contidos e nas metodoloxías da ciberseguridade. Como novidades este ano, Cuiñas salienta a incorporación dun módulo de seguridade no software, impartido por un experto de Deloitte.
O obadoiro está sendo impartido por dez profesionais que se dedican á protección TIC en empresas galegas e do resto de España e cada un deles está a desenvolver diferentes aspectos relacionados con este sector.
O primeiro módulo é unha introdución á ciberseguridade, na que se dan a coñecer e entender os principais conceptos e termos empregados neste eido dende o punto de vista da mercadotecnia. O segundo módulo aborda o goberno da seguridade da información, no que hai que destacar a eficiencia por parte dos profesionais dos recursos dispoñíbeis para reducir os riscos na seguridade para os negocios. Na terceira parte do curso reflexiónase sobre a arquitectura da seguridade e as tecnoloxías que se empregan para a mesma. O seguinte módulo versa sobre os métodos para blindar redes e sistemas. As principais metodoloxías de auditoría técnica, así como o ciclo de desenvolvemento de software e o desenvolvemento seguro de aplicacións, compoñen a seguinte parte do programa.
Posteriormente, abórdase a xestión dos incidentes dentro da xestión dos servizos TIC, entre os que destacan o equipo de resposta ante emerxencias informáticas (CERT), o centro de operacións de seguridade (SOC) e as redes de alerta temperá, ademais dos perfís profesionais que estes requiren. As e os asistentes reflexionan tamén sobre o desenvolvemento seguro de software e sobre os aspectos legais relacionados coa ciberseguridade en España.

PUBLICIDADE