A ECAI 2020 afondará nos límites éticos da Intelixencia Artificial ao servizo das persoas

xoves, 27 de agosto do 2020 Fernando Sarasketa

A Digital ECAI 2020 (European Conference on Artificial Intelligence), que se celebrará do 29 de agosto ao 8 de setembro en Santiago de Compostela, será unha oportunidade de ouro para afondar nas posibilidades que nos ofrece a Intelixencia Artificial para optimizar moitos dos procesos empresariais, científicos, sanitarios, produtivos, económicos e sociais nos que estamos mergullados. A nova edición da conferencia, organizada polo CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), servirá tamén para investigar nos límites éticos e morais da IA para que os sistemas intelixentes xeren confianza para o conxunto da sociedade. Ademais, analizarase a evolución xeopolítica da mesma, o modelo europeo centrado nas persoas, fronte á proposta de China ou Estados Unidos.
A presente edición da ECAI e realízase nun formato integramente dixital, por mor da pandemia do COVID-19, que obrigou ao comité organizador a transformar un encontro presencial nun evento en vivo e en aberto a toda A comunidade científica.
O presidente do comité organizador e catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro, explica que a ECAI 2020 “tratará de profundar no modelo futuro da Intelixencia Artificial, xa que debe estar ao servizo das persoas e ser robusta, explicábel, con rastrexabilidade e equidade”, xa que en caso contrario acabará sendo “abusiva ou non se usará”. Por esta razón, fai saber que un dos grandes debates que se abordará neste encontro é o modelo xeopolítico que debe seguir a IA no futuro: “Temos a proposta de Europa, que aposta pola Intelixencia Artificial centrada nas persoas e o ben común, pero que debe competir con outros sistemas como o de China, controlado polo seu Goberno, ou o de Estados Unidos, que descansa na capacidade das grandes empresas e os seus intereses comerciais”, explica Barro, engadindo que “un dos grandes desafíos da conferencia será atopar metodoloxías para facer compatíbel o modelo de IA centrado nas persoas coa xeración de riqueza e novos empregos de calidade”. Na súa opinión, “a automatización de tarefas suporá a perda de millóns empregos na próxima década e debemos estar preparados para iso”.

Adaptarse ás circunstancias

Segundo explican fontes do CiTIUS, a organización decidiu dirixir o congreso cara ao plenamente dixital tras “unha minuciosa análise da situación derivada da pandemia no mundo, co obxectivo de garantir a celebración da conferencia, pero sen as severas limitacións e riscos que suporía a súa organización presencial”.
Os contidos do congreso repartiranse entre o 29 de agosto e o 5 de setembro, nas franxas horarias mellor adaptadas á disparidade de fusos en todo o mundo, “algo moi importante nos eventos de ámbito global”, explica o CiTIUS.
Digital ECAI2020 contará con relatores da elite científica mundial en Intelixencia Artificial, cuxas charlas serán en directo. A presentación de traballos científicos (só un de cada catro artigos foi aceptado, dun total de máis de 1.500 propostas recibidas) consistirá nun vídeo pre-gravado polo autor, que poderá ser visualizado en calquera momento e dará lugar a un debate en directo a través de vídeo-conferencia, ademais dunha canle de texto (chat).
Finalizada a conferencia, Digital ECAI2020 permitirá o acceso indefinido e gratuíto aos seus contidos principais, en particular aqueles de carácter científico, en liña co compromiso da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), entidade que auspicia o congreso e que agrupa ás asociacións de IA dos distintos países de Europa.
O CiTIUS tamén informa que “en liña coa actividade habitual dos congresos presenciais”, Digital ECAI2020 contempla tamén a celebración de eventos sociais interactivos en vivo, nos que os asistentes terán ocasión de participar activamente. O programa incluirá unha xornada polo Camiño de Santiago, concertos musicais, un percorrido histórico pola Universidade de Santiago ou mesmo coñecer algúns dos pratos máis singulares da gastronomía galega a través dunha visita en vivo ao Mercado de Abastos, situado no casco antigo da cidade de Santiago de Compostela.
Para máis información sobre as actividades e os relatores que confirmaron a súa asistencia, cómpre visitar a páxina web do evento: https://ecai2020.eu/.
Por certo que está prevista a participación (entre outros grandes referentes da IA mundial) de Stuart Russel, profesor de Ciencia Computacional da Universidade de Berkeley, Luc De Raedt (profesor da Örebro University), Carme Torras (profesora do Instituto de Investigación de Robótica e Informática Industrial), Sylvie Thiébaux (profesora da Universidade Nacional de Australia) e Moshe Varid (profesor de enxeñeira computacional da Rice University).

PUBLICIDADE