A Deputación lanza nas redes novos vídeos sobre a grandeza patrimonial de Lugo

mércores, 8 de maio do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo segue adiante co seu obxectivo de engrandecer a provincia e mostrala turisticamente ao mundo a través de vídeos-reclamo nas redes sociais. As novas contribucións, un documental e seis microvídeos para promover o turismo dos concellos, foron presentadas hoxe polo deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde. O novo material audiovisual inclúese na campaña Lugo Cambia que impulsa o Executivo provincial desde hai 2 anos.
Vidal Baamonde subliñou que de cara á tempada de verán, o vídeo Lugo Inédito en 7 idiomas e máis a media ducia de pezas audiovisuais sobre os xeodestinos lucenses implican un novo chanzo no desenvolvemento da nova campaña: un esforzo extra por “captar a atención de máis viaxeiros nacionais e estranxeiros e atraer máis turistas”.
Segundo engadiu, “na provincia hai máis dunha trintena de lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo”. Neste senso, o vídeo Lugo Inédito céntrase en amosar unha escolma deste lugares, unha aproximación a enclaves de visita obrigada como a Muralla de Lugo ou As Catedrais de Ribadeo. O material presentado hoxe proxectarase na Feira de Turismo Expovacaciones en Bilbao, entre o 10 e 12 de maio, na que terá presenza a Deputación cun stand de seu.
O deputado tamén explicou que “co fin de que este audiovisual acade unha maior proxección internacional, editouse en 7 linguas: inglés, italiano, portugués, alemán, francés, galego, e castelán”. O material publicarase na canle de Youtube da área de Turismo da Deputación de Lugo. Amais, a guía completa dos espazos de Lugo Inédito pódese consultar na web de Turismo da Deputación (turismo.deputacionlugo.gal) e serve de proposta e fío condutor para coñecer toda a provincia a través de elementos do patrimonio que a distinguen.
Vídeo Lugo Inédito
O novo spot Lugo Inédito contribúe á divulgación de 13 lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos a nivel internacional: a Muralla de Lugo, única no mundo que conserva íntegro o seu perímetro; a Praia das Catedrais, un dos máis fermosos areais do planeta enteiro; a Serra do Courel, referente mundial de xeoloxía e recentemente declarado Xeoparque Mundial; A Ribeira Sacra, a maior concentración de románico rural de Europa; Lugo, a provincia española con máis quilómetros de Camiño de Santiago; San Pedro de Fiz de Hospital en O Incio, única igrexa de mármore do mundo; San Martiño de Mondoñedo, a catedral máis antiga de España; as pallozas dos Ancares, testemuñas dunha forma de vida única; o Castro de Fazouro, único castro marítimo escavado no Cantábrico; Santa Eulalia de Bóveda; un dos grandes enigmas da arqueoloxía; o Souto da Retorta, un bosque con árbores xigantes; Ribeira Sacra, un viño de heroes; e A Fortaleza de Pambre, única fortaleza galega imbatíbel nas Revolucións Irmandiñas.

PUBLICIDADE