A Deputación e o Concello de Lugo inauguran XENERGAL, no que participan máis de cen profesionais

mércores, 8 de novembro do 2017 Redacción

Hoxe comezou en Lugo un evento destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentábeis, eficientes, eficaces, limpas e rendíbeis de xestionar e consumir enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética, XENERGAL 2017, que se desenvolve até mañá no Pazo de San Marcos da man do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello. A inauguración correu a cargo do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o director do Congreso, Fernando Blanco. Segundo fixeron saber, no evento están a participar un centenar de profesionais de toda a Comunidade, achegando 36 relatorios.
O obxectivo deste encontro é “difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía”, pero ao mesmo tempo “servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos”.
Santos Ramos subliñou no acto de apertura que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso”, que versará sobre enerxías renovábeis, tecnoloxías smart, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal dos devanditos recursos.
Segundo engadiu o deputado, “dende o Executivo provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia”. Esta é a razón, dixo, de que a entidade provincial destinase 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro Enerxético (ao que se adheriron 37 Concellos, permitíndolles aforrar máis dun 10% nos custos municipais); de que se elaborase un novo programa de aforro enerxético chamado ILUMIN@ (dirixido a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, recibindo unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais) e de que se investisen 750.000 euros para fornecer dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros.
Pola súa parte, Méndez López engadiu que “énchenos de orgullo que Lugo sexa unha cidade na que cada vez se celebran máis citas deste tipo, citas importantes polo contido, e polas conclusións ás que se chegará”. Segundo dixo, existe o firme compromiso dende o Goberno local de converter a cidade nunha urbe sustentábel, e nesa liña leváronse a cabo medidas como reducir a velocidade a 30 nunha manchea de rúas ou habilitar máis zonas peonís en múltiples barrios. Ademais, engadiu, “fomos quen de acadar 22 millóns de euros de fondos europeos, para implantar este tipo de medidas de aforro enerxético”.
Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.
Pola súa banda Fernando Blanco salientou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública” indicando que “esta é unha disciplina que se integra e aplica dende finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para garantir a seguridade das instalacións en funcionamento”.
24 relatorios na xornada de hoxe
Ademais da inauguración, na xornada de hoxe celebráronse un total de 24 relatorios, en sete mesas. En horario de mañá celebrouse a mesa institucional, na que estiveron presentes as iniciativas do Concello de Lugo e da Feira da Enerxía de Galicia; a segunda mesa centrouse no aforro en instalacións industriais, mentres que a terceira versou sobre as aplicacións da enerxía xeotérmica en Galicia, que contou á súa vez coa colaboración do Clúster Galego de Enerxía Xeotérmica (ACLUXEGA).
En horario de tarde desenvolvéronse a segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación, a quinta Xornada Eólica de Galicia (en colaboración co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Cluergal) e as mesas correspondentes ao mantemento de edificios e pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía.

PUBLICIDADE