A Deputación e a CEO volven xuntar forzas a prol da dixitalización e a conquista de novos mercados

venres, 3 de xaneiro do 2020 Redacción

A Deputación e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) pecharon o ano reforzando a súa alianza a prol da internacionalización e a dixitalización das empresas, dous conceptos que, cada vez máis, camiñan xuntos e enriquécense mutuamente. Estamos a falar do novo impulsado dado polas dúas entidades ao proxecto conxunto ExportOU, destinado a implantar nas empresas “plans de aceleración e reforzo intelixente” con vistas á conquista de novos mercados. O acordo foi asinado polos presidentes da Deputación e a CEO, Manuel Baltar e Marisol Nóvoa.
Segundo fixeron saber, o plan ExportOU, subscrito en 2017 e continuado nos anos posteriores, pon a disposición das empresas ourensás un completo servizo de actividades que inclúe programas de acompañamento no proceso de exportación, melloras na identidade dixital e medidas para optimizar a visualización no exterior.
Ademais destes programas, o Plan ExportOU propón, entre outras iniciativas, eventos internacionais e accións complementarias como seminarios sobre mercados externos, entrevistas individuais con expertos internacionais, accións formativas e informativas que se desenvolvan en interacción coas novas tecnoloxías e con dinámicas centradas nos casos das propias empresas asistentes, accións de promoción no destino e orixe, e a organización de eventos internacionais. De xeito paralelo, a Oficina Virtual de Apoio á Internacionalización levará a cabo varias medidas como o mantemento e melloras técnicas da plataforma ExportOU, realización dun novo deseño e imaxe (actualmente xa se atopa en proceso de renovación) na sección Made in Ourense, impulso á sección de Feiras Virtuais e unha campaña de mercadotecina online e offline.

PUBLICIDADE