A Deputación e a CEL publicarán online unha exhaustiva radiografía da economía de Lugo

mércores, 30 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo e a Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL) van poñer na Rede, a través da páxina web da entidade empresarial, un informe exhaustivo sobre a situación socioeconómica dos 67 concellos lucenses.
Trátase da investigación Lugo en Cifras, que foi dada a coñecer no Pazo de San Marcos polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez.
Tomé Roca explicou que Lugo en Cifras “é unha recompilación de datos socioeconómicos sobre a provincia de Lugo, unha fotografía da realidade social e da realidade empresarial e económica dos concellos, que volve a publicarse despois de dez anos de parón, e que é froito, un froito máis, da colaboración permanente que mantemos dende a Deputación co tecido produtivo da provincia, neste caso, coa CEL”.
Pola súa banda, Jaime López destacou tamén que esta publicación nace con vocación de continuidade, e que “nos vindeiros anos nos permitirá analizar o verdadeiro impacto da crise da COVID-19 en Lugo e os avances que se vaian producindo no camiño da recuperación”.
Segundo engadiron, Lugo en Cifras 2020 é a recuperación dun informe que fora publicado xa durante seis anualidades (de 2005 a 2010) pola Fundación CEL, e a que agora se edita tratando de dar continuidade a aquela iniciativa. Permite a consulta nunha única publicación de datos provincias e comarcais de poboación, demografía empresarial, mercado laboral ou prazas en aloxamentos turísticos, entre outros ámbitos e parámetros de estudo.
A CEL distribuirá exemplares en papel entre as entidades e empresas máis representativas da provincia.
Lugo en Cifras 2020 estará dispoñíbel para consulta e descarga no apartado de publicacións da páxina web da CEL, no apartado de publicacións.

PUBLICIDADE