A Deputación de Pontevedra redobra esforzos para aumentar a ciberseguridade das empresas turísticas

martes, 19 de setembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de achegar novos recursos para axudar as pemes e emprendedores do sector turístico da provincia a impulsar a súa transformación dixital segura. Fíxoo no marco do programa de dixitalización integral de experiencias e destinos Tourist Inside II.
A través desta iniciativa, que mobilizará 18.000 euros, “as empresas de turismo poderán beneficiarse dunha ferramenta para a autodiagnose dos seus riscos en materia de ciberseguridade e mais dunha guía de boas prácticas”, explicaron fontes da Deputación, engadindo que terá unha duración estimada de tres meses e que comezará cunha análise das necesidades do sector turístico da provincia.
En función dos resultados obtidos, realizaranse posteriormente a ferramenta ou sistema de autodiagnose da ciberseguridade das súas contornas dixitais e a guía ou manual de boas prácticas.
A autodiagnose estará dispoñíbel no sitio web de Turismo Rías Baixas, no menú Profesionais do Turismo, para os sistemas Windows, macOS, Android e iOS. “Será un exercicio práctico amigábel para que as pemes, micropemes e autónomos do sector poidan detectar os seus riscos a través dun sistema tipo test online (ou similar) que fomentará a aplicación de medidas de seguridade nos seus negocios”, explica a Deputación, apuntando que o sistema analizará as ameazas, vulnerabilidades, controis e usos adecuados dos seus medios para que reflexionen sobre os seus activos críticos e dispoñan de información sobre como abordar a súa protección. A intención da entidade provincial é facer doado o complexo: “Dado que a linguaxe de ciberseguridade adoita ser complexa para o público non especializado, un dos obxectivos da guía de boas prácticas será resolver as dúbidas que lles poidan xurdir durante o proceso”. Así, o documento incluirá un glosario e contidos relativos á ciberseguridade aplicada ao sector, principais ameazas en diferentes dispositivos e medidas aplicables a cada un.
Tourist Inside II é un programa da Deputación de Pontevedra que busca acompañar a actividade turística da provincia na súa transformación dixital, mellorando a súa eficiencia enerxética e realizando unha vixilancia tecnolóxica. Está financiado pola Unión Europea, cos fondos Next Generation, concretamente no programa de axudas á transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

PUBLICIDADE