A Deputación de Pontevedra ponse na vangarda do turismo intelixente da man de SEGITTUR

luns, 20 de xuño do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra deu este mes de xuño un paso relevante como punto avanzado (e innovador) de recepción de visitantes, tralo convenio asinado con SEGITTUR para o desenvolvemento conxunto de actuacións para a promoción e impulso dos Destinos Turísticos Intelixentes na provincia. O acordo foi formalizado polo presidente da entidade estatal, Enrique Martínez, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen salientou que a entidade provincial converteuse, en virtude desta alianza, na primeira do ámbito estatal en liderar a expansión do modelo DTI de SEGITTUR (Secretaría do Estado de Turismo). O convenio, dixo Carmela Silva "convértenos no instrumento para que o coñecemento, ideas e proxectos que nacen da Rede DTI se espalle ao mundo local, aos concellos, e construír así o turismo do século XXI".
Segundo explicou Silva, con este acordo vaise definir o procedemento para que a institución pontevedresa supervise a metodoloxía DTI e a implante e adapte a toda a provincia. Tamén se vai apostar pola formación, con programas de asistencia técnica, formación e xornadas para difundir o modelo e participando en obradoiros, seminarios, congresos e foros sobre DTI. Ademais, vanse sumar sinerxías interinstitucionais con ferramentas e servizos de xestión intelixente, establecendo áreas comúns e/ou espazos compartidos para intercambiar información e a coordinación e intercambio de proxectos.
A Deputación de Pontevedra é unha das institucións fundadoras da Rede estatal de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI). Forma parte da súa Comisión Executiva na que é, ademais, a única Deputación de toda España e a única administración galega no máximo órgano de dirección da Rede. Neste espazo de encontro, estase a traballar cunha metodoloxía propia que aposta pola innovación aplicada ao turismo, construíndo infraestruturas tecnolóxicas de vangarda e garantindo a sostibilidade, a accesibilidade e a calidade de vida das persoas visitantes e residentes nos territorios.

PUBLICIDADE