A Deputación de Pontevedra pon en mans de Enmacosa a recreación en 3D dos castros da provincia

mércores, 21 de maio do 2014 Redacción

O monte Facho, en Cangas, unha das áreas a rexistrar

A Deputación de Pontevedra vén de encargarlle un importante traballo en 3D á firma Enmacosa, unha das responsábeis do desenvolvemento do proxecto Sitegi, que como sinalamos dende Código Cero en febreiro deste mesmo ano diríxese a dar forma a un vehículo de mapping móbil para acadar estradas máis seguras cun menor custe (fornecendo precisión centimétrica nos seus rexistros). O encargo da Deputación de Pontevedra ten algunhas semellanzas (rexistro de alta precisión) pero encamíñase máis ben á protección cultural e á divulgación do noso patrimonio. Máis polo miúdo o noso patrimonio castrexo.
O proxecto consiste, máis en detalle, na recreación en 3D de sete castros da provincia, en concreto os de Santa Trega (A Guarda), A Lanzada, Adro Vello (O Grove), monte do Castro (Ribadumia), Troña (Ponteareas), Cabeciña (Oia) e monte do Facho (Cangas).
Segundo informa o organismo provincial, varios especialistas da consultoría técnica Enmacosa participaron este martes nunha sesión de traballo na sede de Turismo Rías Baixas “para informar dos últimos avances tecnolóxicos para realizar este tipo de recreacións en tres dimensións de alta precisión en edificios, xacementos, estradas ou elementos patrimoniais”. Nesta xuntanza, Francisco Barca, técnico da devandita firma, fixo saber que as tarefas levaranse a cabo en boa medida a través de voos con drons para realizar ortofotografías, imaxes aéreas das zonas nas que poucos elementos se presenten na mesma escala, para evitar erros e deformacións.
Outra das tecnoloxías que se empregarán para acometer eses levantamentos en tres dimensións, informou, é o láser escáner, tamén denominado LIDAR terrestre. Con el, engadiu, os enxeñeiros obteñen sen contacto un modelo xeometricamente exacto do obxecto analizado, sendo o resultado do proceso exhaustivo de toma de datos a creación de nubes de puntos que conteñen unha información moi detallada que posteriormente se procesa co software axeitado para obter a documentación necesaria. O organismo provincial tamén explicou que a precisión das imaxes obtidas e recreadas é milimétrica.

PUBLICIDADE