A Deputación de Pontevedra, no terceiro posto das entidades que máis apostan pola eAdministración

mércores, 22 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Secretaría Xeral de Administración Dixital do Goberno de España vén de situar á Deputación de Pontevedra como a terceira de todo o ámbito estatal que máis facilita os trámites coa cidadanía e máis custes de tempo e cartos aforra á cidadanía, só superada polas de Barcelona e Biscaia. Ante a publicación destes datos, a presidenta da entidade provincial galega, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción polo recoñecemento e, tamén, polos resultados da aposta da Deputación de Pontevedra polas TIC.
As novas tecnoloxías, engadiu, son unhas ferramentas que “están a facilitar a relación entre a xente e as administracións” e que fan posíbel que “estas compartan documentación, intercambien datos e información, evitando que a cidadanía teña que achegar continuamente documentos”.
En concreto, segundo a Secretaría Xeral de Administración Dixital do Goberno, a Deputación de Pontevedra xestionou entre xaneiro e abril deste ano 21.279 transmisións de datos e documentos fronte ás 5.239 do ano 2018, un 306 % máis. Amais estes documentos, xestionados directamente pola Deputación de Pontevedra desde xaneiro e abril, supoñen un aforro para a cidadanía en tempo e recursos económicos de 100.000 euros.
Carmela Silva enxalzou os cambios feitos polo seu equipo: “Hai catro anos, cando chegamos á Deputación, esta era unha Administración doutro século e foi este Goberno o que puxo en marcha unha revolución tecnolóxica agora recoñecida pola Secretaría do Estado".

PUBLICIDADE