A Deputación de Pontevedra luciu provincia ante blogueiros e instagramers de todo o ámbito estatal

mércores, 21 de marzo do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra quere facer turismo da provincia. E quere facelo ampliando e espallando canles de comunicación. Nesta liña insírese o evento celebrado onte pola tarde no Teatro Rialto de Madrid, onde a Deputación xuntou centos de persoas para mostrarlles os atractivos locais ao abeiro do cancelo #PontevedraProvincia. No acto participaron a presidenta da entidade, Carmela Silva, e máis o xornalista pontevedrés, Xabier Fortes, amais dunha completa equipa de turoperadores, profesionais da comunicación de medios xerais e especializados en turismo, blogueiros, figuras referenciais das redes sociais e, tamén, instagramers. O destino Rías Baixas foi o nexo unión de todas e todos as/os presentes.
O evento, entre outras actividades, acolleu a presentación de varios vídeos de promoción turística. O primeiro deles foi Somos historias, a peza audiovisual de lanzamento da campaña de Turismo Rías Baixas, no que María Vinyals é o eixo argumental. Da súa man, e guiados pola presidenta provincial e polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes, as persoas congregadas no evento descubriron o Castelo de Soutomaior e outros elementos do patrimonio fortificado, xacementos arqueolóxicos e, tamén, espazos naturais e paisaxísticos da provincia de Pontevedra.
Outro dos vídeos presentados xirou arredor do patrimonio natural pontevedrés, a propósito do cal Silva e Fortes salientaron que “temos tal variedade de climas e paisaxes que converten á provincia de Pontevedra nun espazo único, diferente, cunha costa recortada e singular, ríos cortos e caudalosos que regan de vida toda unha paisaxe de bosques e montes".
Tamén se deu a coñecer en Madrid “a visión de múltiples escritores e escritoras”, desde a antigüidade ata os nosos días, sobre a provincia de Pontevedra: Mendiño, Martín Códax, Xoan de Cangas, Nun Trez, Julio Verne, a propia María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Torrente Ballester ou Valle Inclán. Asemade, mostrouse o rico patrimonio etnográfico e cultural da provincia, destacando o Museo de Pontevedra, o Museo do Mar de Vigo e os RíasBaixasFests.

PUBLICIDADE