A Deputación de Pontevedra lánzase a asistir aos concellos en protección de datos

venres, 7 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, nunha rolda de prensa recente

A Deputación de Pontevedra quere botar unha man aos concellos en materia de salvagarda da información, agora que entrou en vigor (o pasado 25 de maio) o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos, un marco legal máis restritivo, rigoroso e exhaustivo no que se refire á nosa relación coa información dos demais (e a propia) ao abeiro dos escenarios dixitais. Por esta razón e co gallo de permitir aos consistorios contar con recursos cos que doutro xeito non poderían contar (ou polo menos non de xeito tan inmediato e eficaz), a entidade que preside Carmela Silva vén de pór a disposición das administracións locais de menos de 50.000 habitantes un servizo de asistencia.
O obxectivo, como dixemos, é que poidan adaptarse ao devandito regulamento.
En palabras da Deputación, trátase “dun servizo pioneiro en Galicia” que busca homoxeneizar os criterios a seguir polos delegados de protección de datos das entidades locais da provincia de Pontevedra.
A través desta iniciativa, a entidade provincial ofrece servizos como a revisión dos tratamentos de datos persoais, automatizados e non automatizados; o deseño de guías de adecuación para as entidades locais; colaboración na elaboración do rexistro de tratamentos de datos de carácter persoal segundo o esixido pola normativa; axuda na realización e documentación das análises de riscos dos tratamentos identificados e nas avaliacións de impacto na privacidade, e a proposta de actualización e identificación de melloras en relación coas medidas de seguridade para aplicar aos tratamentos.

PUBLICIDADE