A Deputación de Pontevedra lanza web para espallar a compostaxe entre a cidadanía

venres, 28 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra quere impulsar a práctica da compostaxe entre a cidadanía: a recuperación útil, para a actividade agrícola, dos refugallos orgánicos. Con este motivo, a través do Plan Revitaliza vénse de pór en marcha unha web que busca, entre outras cousas, achegar as ditas prácticas de sustentabilidade ambiental á veciñanza polo vieiro dixital. A iniciativa foi dada a coñecer polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, quen salientou que a páxina é un complemento do importante labor desenvolvido polo persoal técnico provincial, as mestras e os mestres composteiros, as asociacións e os concellos adheridos ao dito plan.
Un labor que se materializa no fornecemento de información, vídeos e documentación sobre que é a compostaxe, as súas vantaxes, ou a maneira de participar para a cidadanía, entre outras cuestións.
O vicepresidente Mosquera destacou tamén que entre finais deste ano e principios do 2019, unha vez se despreguen os composteiros comunitarios e individuais da Deputación e dos concellos Revitaliza (Vilaboa, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra) a cifra de veciñas e veciños que compostan na provincia ascenderá a 85.000 persoas: 25.000 por vía individual e 60.000 en composteiros comunitarios.
Respecto da nova web, indicou que terá dous posíbeis accesos directos www.revitaliza.depo.gal e www.revitaliza.gal, amais de ligar coa páxina web oficial da Deputación www.depo.gal. Respecto dos detalles técnicos e de usabilidade, sinalou que a web foi desenvolvida nunha plataforma de última xeración (Liferay) que permite “manexar moita documentación artellada en bloques nun sistema innovador de acordeón que facilita a comprensión da información polas persoas usuarias”.
No que atinxe aos contidos, indicou que “as persoas que entren na páxina poderán saber máis sobre compostaxe; sobre o compost (que é, as propiedades, os usos, e a calidade do produto obtido no Plan Revitaliza); sobre o persoal técnico, as mestras e mestres composteiros, a Facultade da Compostaxe, así como sobre as convocatorias para ser bolseiro, interino ou obter unha praza nos concellos Revitaliza), entre outras cuestións.
Tamén hai información sobre os concellos Revitaliza, cun mapa, sobre as fases de implantación do plan, así como das diferentes liñas de subvencións abertas. A isto cómpre engadir un apartado específico sobre o Revitaliza nos centros de ensino, con documentación do traballo do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) nos últimos dous cursos. Por outra banda, a páxina achega un apartado de novas, onde se irán pendurando as novidades informativas; unha axenda na que se dá conta das actividades, charlas formativas e repartos de compost ou de composteiros; así como banners nos que cada pouco iranse destacando aspectos salientábeis do Plan.

PUBLICIDADE