A Deputación de Pontevedra lanza campaña nas redes para divulgar o signo co que se nomea a Castelao

luns, 14 de marzo do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha nas redes sociais unha campaña para reivindicar e facer visíbel o signo co que se idenfitica a figura de Castelao. A iniciativa, que se desenvolve até o vindeiro 1 de abril (Día das Artes Galegas, festividade que este ano se adica ao referencial escritor, debuxante e político rianxeiro), apóiase directamente no epígrafe #signaCastelao, que é a etiqueta que se usa en Twitter para difundir o signo co que se nomea Castelao e “concienciar á poboación sobre a necesidade de promover actitudes inclusivas e integradoras para o conxunto da sociedade”, segundo fixeron saber na presentación da campaña a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Silva e Leal aproveitaron a cita perante os medios para pór eles mesmos o seu gran de area na iniciativa: subiron a súa propia fotografía facendo o signo de Castelao para a conta de Twitter do organismo provincial.
Segundo explicaron, todas as persoas que queiran contribuír a difundir este sinal e participar na campaña poden subir a súa foto “signando Castelao” coa devandita etiqueta e facendo mención á conta da Deputación @depo_es. O “aceno” en cuestión, tal e como explicaron (e visualizaron) Silva e Leal, consiste en colocar os dedos furabolos (índice) e polgar realizando un círculo sobre un dos ollos, en referencia ás lentes redondas que portaba o propio Castelao. “Cada persoa”, engadiron, “debe realizar o xesto cunha soa man, recomendándose que se realice coa man que se usa para escribir”. Tamén lembraron que o aceno para nomear a Castelao foi aprobado polo Centro de Normalización Lingüística de la Lingua de Signos Española, tras unha proposta realizada pola Organización de Xordos de Galicia, XOGA, e polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación. Igualmente, recordaron que esta iniciativa xorde a partires da colaboración establecida entre XOGA e a Deputación para dotar de audioguías e signoguías a parte das actividades do Ano Castelao, e “facilitar que as persoas con dificultades auditivas poidan acceder a contidos culturais en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”.

PUBLICIDADE