A Deputación de Pontevedra inicia a licitación do proxecto depoGAP

venres, 14 de novembro do 2014 Redacción

O pasado 31 de outubro o Pleno da Corporación provincial aprobou o expediente de contratación do proxecto depoGAP xestión de activos da provincia de Pontevedra, co que a Deputación pretende avanzar na mellora da xestión de activos municipais. O proxecto conta cun orzamento de 6,9 millóns de euros, dos cales o 70% son achegados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo informa o organismo que preside Rafael Louzán, trátase dun procedemento aberto que está en fase de presentación de ofertas. Ao ser un servizo suxeito a regulación harmonizada, o expediente de contratación enviouse para a súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO), no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). A data límite para a presentación de ofertas é o 22 de decembro de 2.014.
Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra abrangue tanto a realización dun inventario de activos de todos os concellos da provincia de Pontevedra (salvo Pontevedra e Vigo) e da Deputación, como a implantación dun sistema ou plataforma para a xestión deses activos, que permita explotala e xestionala “dunha maneira unificada” e fomente a participación e a comunicación coa cidadanía, a través dun portal para o cidadán e unha aplicación para dispositivos móbiles. Asemade, levará a cabo a posta en marcha de varias probas piloto de eficiencia enerxética, que permitan obter o coñecemento suficiente para extrapolalo ó resto da provincia, co fin de diminuír o gasto enerxético e ambiental como consecuencia do uso eficiente dos activos públicos.
Estas actuacións completaranse coa realización dun catálogo de normas, procedementos e recomendacións que sirva de guía, tanto para os empregados públicos coma para as empresas de servizos e obras que traballen para os distintos concellos, para o mantemento e a actualización dos activos inventariados.
Ademais, deseñarase e desenvolverase un plan da xestión do cambio “necesario para mitigar as posibles resistencias e barreiras provocadas pola posta en marcha do proxecto”. Tentando reducir a incerteza do usuario que non sabe, por medio da comunicación, ensinando ao usuario que non pode a través da formación e a capacitación e cambiando a actitude do usuario que non quere mediante a dinamización. Desta forma, garantirase que todos os axentes implicados no proxecto asuman o cambio de forma axeitada.

PUBLICIDADE