A Deputación de Pontevedra habilitou na súa web un sistema de información para denunciar infraccións

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra ten habilitado na súa web un sistema de información como canle preferente sobre accións constitutivas de infraccións ou corrupción. Así o deu a coñecer a deputada provincial María Ramallo no marco da xornada sobre a Lei 2/2023 de protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción que organizou a institución provincial no Salón de Plenos do Pazo Provincial, en Pontevedra.
No encontro, de carácter práctico e no que se deron cita membros de corporacións locais e funcionarios dos concellos, a codirectora da Cátedra de Bo Goberno da UVigo, Concepción Campos, afondou no impacto local da citada lei e os profesores de Dereito Administrativo da USC Andrea Garrido e Marcos Almeida explicaron as medidas de protección e o sistema interno de información.
Este sistema, comentou Ramallo, “é un sistema aberto que temos implantado xa desde este verán e a través do cal é posíbel, tanto de xeito anónimo como nominativo, poñer en coñecemento accións ou condutas do persoal ou dos órganos da institución provincial que poidan constituír incumprimentos normativos, fraude ou calquera tipo de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave”.
Respecto da dita Lei 2/2023, explicou que a súa principal finalidade é a de protexer fronte a represalias a persoas que, nun contexto laboral ou profesional, detecten infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves e facilitar que poidan comunicalas mediante mecanismos regulados. Ademais, engadiu que “en cumprimento do establecido nesta lei, as entidades locais da provincia teñen a obriga de implantar unha canle interna de información, como a que ten en marcha a Deputación de Pontevedra, que cumpra coa súa finalidade e permita que as persoas físicas poidan informar sobre algunhas infraccións administrativas graves ou moi graves ou feitos delituosos”.

PUBLICIDADE