A Deputación estrea en Caldas un proxecto para xestionar electronicamente sancións de circulación

xoves, 16 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Levar as vantaxes e procedementos da Administración Electrónica á xestión das sancións de tráfico. Este é o gran obxectivo da iniciativa presentada pola pola Deputación de Pontevedra, a desenvolver nos concellos a través de ORAL e poñendo en xogo un elemento clave: a posibilidade de xestionar electronicamente as multas mediante os dispositivos tecnolóxicos. O proxecto piloto xa comezou este agosto en Caldas de Reis e a idea é espallalo no resto dos municipios da provincia. En primeira e última instancia, búscase facilitar o labor cotián dos policías locais dos concellos onde ORAL xestione os trámites das notificacións de circulación.
Como dixemos, a iniciativa arrincou a súa implantación en Caldas de Reis, onde os axentes xa recibiron formación para poder empregar a fondo os seus dispositivos na actividade relacionada coas multas, abríndose tamén un vieiro de colaboración para que analicen o funcionamento do servizo e comuniquen as posíbeis incidencias.
A Deputación de Pontevedra, tras poñer en marcha o proxecto piloto da xestión electrónica en Caldas, ten por obxectivo estender estes dispositivos, en función da súa viabilidade, ao resto dos concellos da provincia nos que o ORAL se encargue da recadación das sancións da policía municipal.

PUBLICIDADE