A Deputación de Pontevedra estrea conta en Instagram

luns, 7 de decembro do 2015 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de estrear conta na rede social Instagram. O obxectivo da entidade provincial, con esta canle comunicativa de seu, é “transmitir de xeito visual e a través de fotografías e infografías, os programas e as actividades que se están a levar a cabo dende a Deputación”. A conta foi dada a coñecer pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, quen aproveitou para facer reconto dos froitos acadados pola institución nas restantes redes sociais nas que ten presenza: son en total 50.000 seareiros repartidos en Facebook (26.089), Twitter (22.757) e YouTube (1.154). En palabras da presidenta, estas e outras cifras amosan ás claras “un proceso de crecemento imparábel” no que a comunicación social e tecnolóxica da Deputación se refire.
Carmela Silva salientou que “as comunidades e canles 2.0 son unha ferramenta fundamental para trasladar a nosa visión do novo goberno da Deputación, no que as portas e fiestras abertas, a transparencia, a proximidade e a atención ás necesidades da cidadanía son a nosa máxima”. Segundo engadiu, a través das redes sociais a Deputación de Pontevedra pretende “establecer unha canle de información e, ao mesmo tempo, manter unha relación directa cos usuarios mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan coma un centro de atención á cidadanía”.
Na conta da Deputación en Instagram divulgaranse, cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais, as actividades, os eventos e os plans que a institución provincial está a levar a cabo, con capturas da actividade da Deputación nos 62 concellos da provincia. Ademais, @deputacionpontevedra incluirá contidos relacionados co Museo de Pontevedra e compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram, “coa finalidade de achegar diferentes perspectivas e puntos de vista sobre un mesmo acontecemento”.

PUBLICIDADE