A Deputación de Pontevedra estrea un servizo de cobro virtual

luns, 21 de novembro do 2011 Raquel Noya

O servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, na súa teima por modernizar o sistema e achegarlle á cidadanía unha serie de servizos telemáticos que lle faciliten a relación coa administración, vén de poñer en funcionamento un novo TPV virtual para o Sistema de Xestión Tributaria e Catastral, que bota man das vantaxes da eAdministración.
Con este novo sistema, os contribuíntes poden realizar o pago das súas obrigas tributarias perante o Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) sen necesidade de desprazarse a unha entidade bancaria, comodamente a través da súa tarxeta de crédito Visa ou Mastercard.
Os usuarios interesados en realizar o pago dos seus recibos mediante esta ferramenta virtual, só teñen que introducir a referencia e identificación do recibo e importe do mesmo no sistema, e unha vez identificado, achegar os datos da súa tarxeta de crédito: número, data de caducidade e código de verificación.
O sistema intégrase de xeito automático coas entidades bancarias polo que, o cargo realízase directamente na tarxeta introducida polo contribuínte sen ningún custe adicional. Asemade, o sistema permite recibir un xustificante na dirección de correo electrónico que indique o usuario, se este fora necesario.
Malia que o uso deste novo TPV virtual non require a presentación dun DNI electrónico ou certificado dixital, isto non implica unha perda de seguridade na transacción xa que o sistema conta con tódolos mecanismos que garanten a privacidade dos datos enviados grazas, segundo afirman, “ao emprego de transaccións seguras”.

PUBLICIDADE