A Deputación de Pontevedra enche de obradoiros TIC as sedes de SmartPEME

martes, 6 de setembro do 2016 Redacción

A presidenta da Deputación, Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra enfía o mes de setembro cunha longa listaxe de actividades formativas tecnolóxico-dixitais, a desenvolver ao abeiro do programa SmartPEME, que é como se coñece a nova liña de actividade da antiga rede CPAE 2.0. Segundo fai saber a entidade que preside Carmela Silva, os obradoiros de SmartPEME desenvolveranse nas oficinas que este programa (antes CPAE 2.0) ten en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo. Todas as actividades darán comezo ás 19.00 horas. Tocarán cuestións tecnolóxicas do máis variado, facendo fincapé nas materias TIC de meirande utilidade para os nosos profesionais, PEME e autónomos. Por exemplo as ferramentas para favorecer a promoción, a comunicación con clientes e usuarios e as vendas.
Como lembraremos, a iniciativa SmartPEME diríxese a ofrecer aos emprendedores e pequenas e medianas empresas da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC, “sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas”, informa da Deputación, que sinala que en Pontevedra, no propio edificio administrativo do organismo provincial, desenvolveranse seis obradoiros. O venres 9 de setembro, A túa páxina web en menos de 90 minutos. O venres 16, A túa páxina web con WordPress. O martes 20, LinkedIn: a túa rede de networking. O venres 23 de setembro, Comercializa os teus servizos a través das redes sociais. O martes 27, Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. Por último, o xoves 29, Fotografía e vídeo para espazos interiores. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
Na comarca de Vigo, as oficinas situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán dezaoito obradoiros. Na oficina de Ponteareas as actividades serán as seguintes: o venres 9, Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais. O martes 13, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O sábado 17, Seguridade informática: conceptos básicos. O luns 19 de setembro, A túa información sempre á man: almacenamento na nube. O venres 23, A túa páxina web en menos de 90 minutos. Por último, o mércores 28 de setembro, Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Pola súa banda, a oficina do Porriño desenvolverá os seguintes obradoiros: o mércores 7, Seguridade informática: conceptos básicos. O luns 12, Fotografía con smartphone: PIXLR para Android e IOS. O xoves 15, A túa páxina web en menos de 90 minutos. O martes 20 de setembro, Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?. O xoves 22, Como empregar Google e Google Apps for Business. Por último, o mércores 28 de setembro, Crea unha nube de información privada para a túa empresa. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
As quendas para o mes de setembro na oficina de Vigo son as seguintes: o martes 6 de setembro, LinkedIn: a túa rede de networking. O martes 13 de setembro, Facebook Ads. O venres 16, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O luns 19 de setembro, Google Analytics: iniciación á analítica web. O 26 de setembro, Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisión. Por último, o xoves 29, Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
En Cambados, realizaranse 6 obradoiros no Centro ExpoSalnés. As quendas desenvolveranse tamén en horario de 19:00 horas: o xoves 8 de setembro, Como facer unha campaña de publicidade exitosa en Google?. O venres 16 de setembro, Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. O luns 19 de setembro, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O xoves 22 de setembro, A túa páxina web con WordPress. O martes 27 de setembro, Rendibiliza o teu perfil profesional en redes sociais. Por último, o venres 30 de setembro, LinkedIn: a túa rede de networking. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.
En Lalín, as quendas son as seguintes: o xoves 8 de setembro, Redes sociais para a venda. O luns 12 de setembro, Como facer unha campaña de publicidade exitosa en Google?. O xoves 15 de setembro, Aprende como facturar electronicamente. O mércores 21 de setembro, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O venres 23 de setembro, Seguridade informática: conceptos básicos. Por último, o venres 30, Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggle. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
As inscricións a todos eles formalizaranse a través do número de teléfono 886 20 20 20.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME, en palabras da presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos Concellos celebrada a finais do pasado mes de xuño, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".
Co devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poranse en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE