A Deputación de Pontevedra e a blogueira Fiona Ferrer promoven a provincia no mundo

luns, 16 de abril do 2018 Redacción

Esta fin de semana desenvolveuse unha nova actividade blogueiro-viaxeira da Deputación de Pontevedra para promover nas redes e no mundo os atractivos da provincia. A iniciativa estivo protagonizada pola comunicadora dixital Fiona Ferrer, que percorreu (con formato blogtrip) o destino Rías Baixas e os seus innumerábeis puntos de interese turísticos, paisaxísticos, hoteleiros, gastronómicos e arquitectónicos. O obxectivo da actividade foi contribuír a “converter o destino Pontevedra provincia nun lugar de excelencia, de calidade, único e exclusivo como marcan as liñas do Plan estratéxico de turismo”, segundo explicou a semana pasada a presidenta da Deputación, Carmela Silva, con motivo da presentación do itinerario.
Para darlle forma á experiencia, durante as pasadas semanas a Deputación de Pontevedra levou a cabo unha planificación da viaxe da blogueira Fiona Ferrer, seleccionada por American Express para coñecer a contorna provincial. Xa a mediados de abril, Ferrer encargouse de compartir a través das súas redes sociais información do destino e o seu enfoque da viaxe, que lle serviu finalmente para coñecer Tui (afondando no patrimonio cultural e realizando unha ruta de shopping), Baiona (co obxecto de descubrir a riqueza natural do concello e como relaxarse nas Rías Baixas), Sanxenxo, O Grove, a Illa da Toxa, Cambados (vila na que realizou unha ruta cultural e gastronómica) ou Cuntis (onde se aloxou nun establecemento de turismo rural). A última xornada do blogtrip de Fiona Ferrer celebrarase hoxe, 16 de abril, cunha visita a Lalín para percorrer o pazo de Liñares e Castrodeza e descubrir, así, o patrimonio arqueolóxico e o gastronómico a través dunha degustación de cocido.

PUBLICIDADE