A Deputación de Pontevedra creará unha plataforma única para subir ao ecommerce aos autónomos e PEME da provincia

xoves, 6 de novembro do 2014 Redacción

Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra anunciou esta semana o seu obxectivo de crear un Centro Provincial de Comercio Virtual destinado a pór en xogo unha plataforma única que permita ás empresas distribuír e vender en liña produtos propios da provincia. O Centro, destinado sobre todo a autónomos e microempresas, fará especial fincapé en sectores que o organismo provincial considera “estratéxicos” para Pontevedra, como son a alimentación, a restauración, o turismo, o lecer, a hostalería e a cultura. Polo tanto, a idea é axudar as máis de 64.000 autónomos e microempresas de Pontevedra “a entrar de cheo no comercio en liña”.
A plataforma, sinala a Deputación, incluirá un apartado específico dedicado á comarca de Deza, no que terán presenza as empresas agroalimentarias, de hostalería e de restauración desta comarca. Segundo engade o organismo que preside Rafael Louzán, as empresas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán adherirse ó servizo dende xa mesmo, e o único requisito que deben cumprir é estaren domiciliadas e desenvolver a súa actividade principal na provincia, amais de teren a condición de microempresas, ou sexa, empresas con 5 ou menos traballadores ou un balance xeral anual inferior ós 2 millóns de euros.
Isto non quita, engade a Deputación, que non se poidan beneficiar deste servizo as chamadas “empresas tractoras”, empresas referentes nos seus sectores que dende logo teñen a capacidade de “atraer máis empresas e clientes ao Centro de Comercio Virtual”. Estas firmas deberán ter, asemade, domicilio social e actividade na provincia. Polo que atinxe ás iniciativas que se suban ao carro do apartado específico de Deza, poderán facelo con independencia do seu volume de negocio e número de traballadores. O Centro de Comercio Virtual contará con servizo loxístico de seu e cun operador financeiro. Estes recursos posibilitarán a mellor operatividade posíbel na recollida e na achega de produtos adquiridos e, tamén, o mantemento dun punto de venda virtual “que facilite e dea maiores garantías de seguridade ao pagamento telemático. Con esta finalidade a Administración provincial publicou as bases que regularán a selección deste operador loxístico e da entidade financeira que servirá de plataforma para o pagamento telemático. As entidades financeiras teñen de prazo ata o 14 de novembro para presentaren as súas ofertas, mentres que no caso das empresas loxísticas o prazo para a presentación de propostas remata o día 18.
Engadir que as empresas que decidan adherirse ao Centro de Comercio Virtual “non só contarán co apoio da Deputación á hora de integrarse na plataforma senón que disporán dun servizo de seguimento e control para que poidan facer un uso correcto da plataforma, amais de achegárselles asesoramento para a mellor comercialización dos seus produtos”, explica a institución provincial.

PUBLICIDADE