A Deputación de Pontevedra bota a andar 2 proxectos piloto de WiMAX para o rural

xoves, 21 de maio do 2009 Marcus Fernández

Durante o encontro de blogueiros en Agolada os asistentes criticaron a ausencia da banda larga na vila

O ano pasado celebrouse en Agolada un encontro de blogueiros, no que os participantes locais quixeron destacar o mérito que supón publicar información na Internet partindo de accesos á Rede claramente deficientes, pois á vila non chegaba o ADSL. A ausencia da banda larga en moitos concellos galegos é todo un problema para a integración na Sociedade da Información, e a Deputación de Pontevedra quere atallar algúns casos nos que a fenda dixital é notable, e aprobou o expediente para a contratación do servizo de telecomunicacións de 2 proxectos piloto dentro do plan WiMAX Rural que suporá un investimento de máis de 238.000 euros.
O procedemento aberto dividirase en 2 lotes: un primeiro proxecto piloto para probar a tecnoloxía WiMAX nos concellos de Agolada, Meis e Arbo na banda dos 2,5 GHz; e un segundo proxecto que probará a mesma tecnoloxía na banda dos 3,5 GHz en Meis, Arbo e Pazos de Borbén.
O plan de implantación do WiMAX rural inicia a súa experiencia piloto en 25 fogares dos primeiros 4 concellos. Despois despregarán a rede necesaria e identificarán as necesidades reais de cobertura e infraestruturas. Agardemos que o proceso acade un éxito que permita aos habitantes do rural pontevedrés acceder á Rede cunhas condicións dignas dentro dun prazo razoable.

PUBLICIDADE