A Deputación de Pontevedra aposta pola formación en TIC en Conectadas 2016

luns, 21 de decembro do 2015 Redacción

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra, a través da súa Xunta de Goberno, vén de aprobar as bases do programa Conectadas 2016, reformulación dun programa anterior (Pensa en ti) e presentado como unha proposta máis e mellor acaida, en palabras do organismo provincial, “á sociedade do século XXI”. En detalle, o programa diríxese a impulsar que as mulleres reciban “unha formación acorde cos tempos actuais” e que participen en actividades que as “empoderen”. Así, ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías “e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar”.
As accións formativas, cunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. Segundo sinala a Deputación, as mulleres terán preferencia, reservándose o 25 % das prazas para homes, agás no bloque Súmate ao cambio, no que a participación pode ser mixta xa que se cubrirán as prazas ao 50 %.
Como dixemos, a idea do novo goberno do organismo provincial é achegar bloques de contido “radicalmente diferentes” aos do anterior executivo a través de Pensa en ti. Así, no canto de contidos unilaterais sobre artesanía, reparacións e bricolaxe, cociña, elaboracións artesanais, imaxe persoal ou música e baile, os de Conectadas 2016 centraranse en cousas como emprendemento (iniciativas sustentábeis para o emprego, achegándose formación sobre crear unha empresa e deseñar un plan de negocio, community manager, comercio electrónico, asesoría laboral e fiscal e adestramento), cultura (cursos sobre edición de fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e animación á lectura e memoria), innovación e novas tecnoloxías (a través da proposta Actualízate tentarase alfabetizar dixitalmente as mulleres, do papel ao computador, correo electrónico, manexo de tableta, teléfono intelixente e redes sociais). O programa complétase con iniciativas formativas sobre artesanía, xardinería, alimentación, actividade física ou coidados persoais e saúde.
A iniciativa Conectadas, á que a Deputación de Pontevedra destina 321.433 € para o 2016, vai dirixida a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo “a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e a consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes”.

PUBLICIDADE