A Deputación de Pontevedra achega formación tecnolóxica a comerciantes e cidadáns de 18 concellos

venres, 23 de xuño do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra dá continuidade este mes de xuño ás actuacións dos programas Da túa man (destinado a dar apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización) e Commerce Inside (dirixido ao fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas). Os vindeiros días impartiranse cursos de formación para comerciantes e para a cidadanía en xeral, moitos deles centrados na transformación tecnolóxica. Amais farase entrega aos concellos das bolsas sustentábeis e reutilizábeis fabricadas con materiais de compost ou reciclados.
Nos nove concellos que forman parte do programa provincial Da túa man impartiranse dúas formacións ao longo das vindeiras semanas. Por unha banda, celebrarase o curso Habilidades Dixitais para Consumidores Vulnerábeis, que ten como obxectivo dotar de competencias TIC á poboación que máis dificultades ten para a súa adopción, como as persoas maiores, para que poidan utilizar con facilidade as ferramentas que se están a implantar no proxecto; e Deseño de Packaging Sustentábel, unha acción formativa dirixida tanto a comerciantes como á clientela, que busca ensinar a crear unha embalaxe atractiva, innovadora e responsábel. Os cursos comezarán o vindeiro luns en Silleda co do deseño de embalaxe e o mércores 28 de xuño o de habilidades dixitais, ambos na Casa da Xuventude. Tamén en xuño, pero en Salceda de Caselas, terá lugar a formación de deseño de embalaxes, o 29 de xuño no Concello.
Xa no mes de xullo, Poio acollerá a formación de habilidades dixitais o día 3 e a de packaging o 7, no Centro de Formación da Reiboa; no Rosal serán o 4 e o 5 de xullo no Obradoiro-Escola taller Juan Manuel Castro Martínez; en Ponte Caldelas o 4 de xullo a de embalaxe e o 6 a de habilidades dixitais, no Centro Cultural Público Municipal; en Ribadumia comezarán o día 10 co curso de habilidades dixitais e o 11 será o de deseño de embalaxes, na Biblioteca Municipal; en Tomiño impartiranse na Escola Obradoiro do Regatiño os días 12 e 13 de xullo; en Gondomar, o primeiro será o 17 no Centro de Desenvolvemento Local e o segundo o 21 no Centro Neural. Por último, en Moaña serán no Patronato Municipal de Beiramar os días 18 e 19 de xullo.
Por outra banda, os comerciantes destes nove concellos teñen tamén a posibilidade de participar no curso en liña Dixitaliza o teu negocio, que busca darlles capacidades para a transformación do seu negocio e ensinarlles a empregar ferramentas dixitais para traballar mellor. A formación levarase a cabo entre o 26 de xuño e o 26 de xullo e ten unha duración de 25 horas. A participación en todos os cursos é gratuíta e as inscricións poden realizarse en liña a través da web do programa Da túa man ou en persoa dirixíndose aos concellos participantes.
No caso do programa Commerce Inside os cursos de formación están dirixidos a comerciantes e desenvolveranse de maneira online ao longo de setembro, xa que, ao tratarse de concellos turísticos, evítase, desta maneira, interferir coa actividade da temporada alta. Así, estes e estas profesionais dos concellos de Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove poderán participar en cursos de capacitación en inglés, francés e portugués.

PUBLICIDADE