A Deputación de Pontevedra achega formación tecnolóxica a 90 persoas do rural

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a lista de persoas admitidas e excluídas nas actividades formativas que se desenvolverán ao abeiro do proxecto Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra. Como anunciou o presidente da Deputación, Luis López, en total son 89 as persoas que participarán nestas actividades que terán lugar nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.
As accións formativas deste proxecto, que ten un orzamento total de 500.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas. Serán, en total, sete cursos de cinco horas de duración cada un, e comezarán cunha formación básica sobre seguridade na utilización de medios electrónicos e Internet. Os cursos centraranse en temáticas como a Administración Electrónica, nas ferramentas do SERGAS online, no uso da banca móbil e as compras electrónicas, nas redes sociais ou na creación de vídeos.
As actividades formativas impartiranse de forma presencial nas aulas postas a disposición polos concellos, dotadas pola Deputación co equipamento tecnolóxico e audiovisual preciso, e sustentarase nunha plataforma de formación innovadora, na que se habilitarán canles e contidos dinamizados polos influencers e o alumnado.

PUBLICIDADE