A Deputación de Pontevedra achega dous novos obradoiros sobre ciberseguridade e reciclaxe

luns, 25 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana (Semana Santa) dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que está previstas para este luns 25 e este mércores 27, abordarán cuestións relacionadas coa ciberseguridade e a reciclaxe do plástico.
As accións formativas inícianse este luns, 25 de marzo, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, dispositivos móbiles. O obxectivo deste obradoiro é o de analizar a importancia de protexer os nosos trebellos móbiles, “dada a súa relevancia actual ao desprazar aos computadores na xestión cotiá dos negocios”. Será impartido de xeito telemático polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.
Pola súa banda, o mércores 27 de marzo, de 12:00 a 13:00 horas, celebrarase a actividade Reciclando plástico con Aventura Plástica, un obradoiro divulgativo co obxectivo de concienciar sobre a problemática do plástico. Esta acción celebrarase no local de Aventura Plástica en Gondomar e nel Fabián Freiría e Alba Villanueva concienciarán sobre o problema global do plástico e abordarán a práctica de reducir e transformar os residuos plásticos no medio ambiente.

PUBLICIDADE