A Deputación de Ourense presentará en Madrid os seus traballos en eAdministración

venres, 10 de abril do 2015 Redacción

A Deputación de Ourense anunciou esta semana que vai presentar en Madrid os seus traballos recentes en Administración Electrónica. Este labor serán amosado en detalle no marco do quinto Congreso Nacional de Innovación, programado para os vindeiros 21 e 22 de abril. Máis polo miúdo, o vicesecretario xeral da institución provincial, Juan Marquina, participará no foro presentando os avances e experiencias da Deputación de Ourense nos eidos da licitación electrónica e da xestión de actas de plenos en forma electrónica e audiovisual a través da denominada Vídeo-acta.
O Congreso Nacional de Innovación celebra a súa quinta edición na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Constitúe, en palabras da Deputación, “o principal encontro de ámbito nacional sobre eAdministración e reúne aos representantes das distintas institucións públicas, as principais empresas do sector e a expertos relacionados co mundo da innovación e a xestión tecnolóxicas”.
A Deputación de Ourense foi convidada a participar neste evento dadas “as innovadoras e pioneiras achegas que ten realizado no ámbito da xestión tecnolóxica e da comunicación e participación cidadá”, sinalan fontes do organismo provincial, que salienta como exemplos concretos das achegas a retransmisión en directo a través de Internet dos plenos ou as mesas de contratación ou mesmo a Vídeo-acta, unha ferramenta tecnolóxica que permitirá localizar “en cuestión de segundos” calquera termo nun documento.

PUBLICIDADE