A Deputación de Ourense organiza unha xornada sobre transparencia, bo goberno e eAdministración

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o vindeiro 26 de abril unha xornada sobre Transparencia e bo goberno que profundará na aplicación destas políticas no ámbito local, na Administración Electrónica (eAdministración) e na contratación pública. A actividade vén da man da Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, de cuxo padroado forma parte a institución provincial. A xornada, que terá formato matinal, será inaugurada por Manuel Baltar e o director da fundación, Alfredo Galán.
A axenda inclúe presentación do Anuario de Transparencia Local 2021, coa intervención da Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández, e director do anuario, Ramón Camp i Batalla.
Sobre a transparencia na contratación pública e na administración electrónica falarán os catedráticos de Dereito Administrativo das universidades de Zaragoza e Oberta de Catalunya, José María Gimeno e Agustí Cerrillo, respectivamente, mentres que o tamén catedrático de Ciencia política da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Manuel Villoria, abordará as prácticas do bo goberno.
A última das actividades será unha mesa redonda que analizará as boas prácticas de transparencia no ámbito local, coa participación do coordinador do Grupos de Datos Abertos da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Roberto Magro, e o primeiro executivo da firma SmartGov, actuando como moderador o director da área de Transparencia da Deputación de Ourense, Fernando Suárez.
Todas as persoas interesadas en participar nesta xornada poden acceder á ligazón de Gobiernolocal.org para formalizar a súa inscrición.
Con esta cita, a Deputación de Ourense quere reforzar o seu papel como “institución aberta á cidadanía”, unha liña de traballo da que abrollou este ano o novo portal de Transparencia da entidade provincial, un servizo que ten como obxectivo “compartir toda a información posíbel coa veciñanza, colectivos e entidades”.
Dende a Deputación lembran que o portal implica o cumprimento, por parte da institución, de preto do 90 % dos items esixidos pola plataforma Dyntra -168 de 189- á hora de valorar as boas prácticas de transparencia e goberno aberto, así como tamén o cumprimento das obrigas legais e demandas cidadáns nesta materia, o que “permite manter á Deputación de Ourense desde 2017 a condición de goberno provincial máis transparente de España”, engaden fontes do ente provincial.

PUBLICIDADE