A Deputación de Ourense, líder en Twitter

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

A Deputación de Ourense comezou o ano disposta a incrementar e ampliar o seu nivel de transparencia (coa incorporación de Fernando Suárez) e, tamén, a súa presenza nas redes sociais. Hoxe mesmo, a entidade provincial lembrou que a institución ourensá e o seu presidente, Manuel Baltar, arrincaron 2018 “liderando a comunicación na rede social Twitter” a nivel estatal. De feito, ocupa o primeiro posto logo de Valladolid, Xaén e Barcelona, nunha listaxe na que figuran 45 gobernos provinciais e en relación á suma total dos apartados de publicacións, porcentaxe de chíos propios, compromiso e relación cos usuarios desta rede social (engagement).
A Deputación sinala tamén que Manuel Baltar lidera a comunicación en Twitter (número de chíos e engagement, impacto social e impacto medio por chío) por diante dos seus homólogos das deputacións de Málaga, Alacante, Castelló e Guipúzcoa, nunha listaxe de 32 presidentes provinciais. Segundo informa a Deputación, esta circunstancia dáse sobre todo “polas iniciativas de promoción da innovación, transparencia, interactividade cos cidadáns e goberno aberto”.
Manuel Baltar afirma que este liderado é consecuencia das políticas de “máxima interacción cidadá e cos gobernos locais da provincia” por parte da Deputación de Ourense, e de manter "un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces, con iniciativas innovadoras de goberno aberto", reafirmándose na necesidade “de seguir aspirando ao máximo da transparencia, para render contas permanentemente diante dos veciños da provincia”.

PUBLICIDADE