A Deputación de Ourense lanza o proxecto Compra Pública de Innovación
luns, 17 de decembro do 2018
A
Deputación de Ourense vén de pór en marcha un novo proxecto para
establecer as mellores pontes posíbeis entre as administracións da
provincia, por unha banda, e as empresas responsábeis dos máis
avanzados sistemas de xestión, comunicación, intelixencia ou
análise de datos, pola outra. Estamos
a falar do proxecto Compra Pública de Innovación (CPI), unha
iniciativa impulsada pola Área de Transparencia dirixida por
Fernando Surárez para, nas súas palabras, “atraer servizos de
vangarda á xestión pública e promover a innovación dende a
demanda, por medio da adquisición de produtos e servizos que non
existen non mercado”. En termos xenéricos, a finalidade é seguir
dando pasos na mellora da xestión provincial.
A
medida foi dada a coñecer os días pasados polo presidente do
Goberno provincial, Manuel Baltar, e máis por Fernando Suárez, que
debullaron as súas liñas de actuación e fases de desenvolvemento,
salientando que a iniciativa complementa á perfección ao proxecto
Provincia Intelixente e máis o vindeiro lanzamento de Smart
Destinations, Hai un Ourense para ti, novas
apostas tecnolóxicas da Deputación. Todo isto, explicaron, “situará
Ourense novamente na vangarda das administración públicas
provinciais en España, xa que a posta en marcha do CPI consolida o
carácter innovador da entidade provincial galega, reforzando os
servizos que demanda a veciñanza, anticipándose ao mercado”.
Segundo sinalou o presidente, “a Compra Pública de Innovación
permitirá que os empregados públicos da administración acaden
tamén os coñecementos necesarios para realizar procedementos de
CPI, en liña coa nova lei de contratación do sector público”.
O
desenvolvemento do proxecto artellarase en varios treitos, comezando
pola capacitación dos empregados públicos da Deputación de
Ourense, para, de seguido, identificar e formular o reto innovador
que se pretende lanzar; realizar as consultas ao mercado e finalmente
levar a cabo a contratación. Baltar e Suárez sinalaron que o
proceso, de facto, xa está en marcha: xa se elaborou un un primeiro
labor de identificación de necesidades e áreas nas que alcaldes e
técnicos dos concellos consideran que a innovación pode xogar un
papel fundamental para prestar servizos públicos de calidade. Unha
das áreas seleccionadas ata o momento, a de construción e
rehabilitación de espazos destinados a fins sociais ou atención
social, está a ser liderada polo director da Área de Transparencia
da Deputación, Fernando Suárez.
Polo
que se refire aos aspectos claves da iniciativa, son os que citamos a
continuación: obradoiros traballo Learning by doing (aprender
facendo); uso estratéxico da CPI na Deputación; situar a Ourense
como provincia pioneira no deseño e posta en marcha dun programa
integral de CPI, e promover o desenvolvemento de produtos e servizos
innovadores por parte de empresas e centros de investigación da
provincia, amais de apoiar a súa internacionalización.