A Deputación de Ourense e o SERGAS inician a tramitación dixital de ChegOU dende os hospitais

martes, 6 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense, en colaboración co SERGAS, puxo en marcha este mes de febreiro un novo servizo deseñado para que calquera persoa, “pero especialmente aquelas que sofren a fenda dixital”, poidan, desde o Hospital, presentar solicitudes ante a Administración Electrónica provincial sen necesidade de certificado dixital, asinando as solicitudes coa súa propia voz a través de dispositivos. Estes trebellos facilítanse no propio centro sanitario e co apoio e a coordinación de persoal técnico do hospital e da Deputación de Ourense.
Estas medidas, sinalaron fontes da entidade provincial, permitirán, por exemplo, “que as nais que dean a luz nos centros da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras poidan solicitar de xeito dixital o Programa ChegOU desde a propia habitación do hospital sen necesidade de certificado dixital, asinando a solicitude coa súa propia voz”.
A Deputación engadiu que con esta iniciativa “aplícase un novo enfoque no ámbito público a través do cal a persoa non ten que ir á administración, é a administración a que vai onde está a persoa”.
Así, mobilizouse un sistema de tabletas habilitadas pola Deputación de Ourense nos tres hospitais da provincia de Ourense, unido a persoal de apoio nos tres centros hospitalarios, para facer posíbel “que todas as nais que así o consideren poidan valerse dos dispositivos electrónicos e así presentar dixitalmente desde a súa habitación a solicitude administrativa”.
Nos horarios previamente coordinados polos traballadores sociais sanitarios do Hospital e a área de Benestar da Deputación, a solicitante deberá premer nunha ligazón que terá á súa disposición na tableta para así ser atendida a través da mesma por un empregado público provincial que cubrirá a solicitude online en tempo real. Unha vez terminada poderá visualizala no dispositivo electrónico e asinala coa voz, que quedará anexa á solicitude e deste xeito presentarase ante o rexistro electrónico a través dun funcionario habilitado. No mesmo día, a través de correo electrónico e por Whatssapp, a persoa interesada recibirá no seu teléfono móbil a solicitude xa presentada e selada no rexistro electrónico provincial.

PUBLICIDADE