A Deputación de Ourense e Red Mundo Atlántico impulsarán a 5G na provincia e no norte de Portugal

martes, 30 de novembro do 2021 S. P.

A Deputación de Ourense vai participar no plan de innovación 5G-allaecia, dirixido a impulsar a implantación do novo estándar de telefonía na provincia e no norte de Portugal. Trátase, en palabras da entidade provincial, “dunha iniciativa transfronteiriza que se converte no primeiro resultado tanxíbel da recente edición da Mobile Week Ourense". Para dar forma a este proxecto, o presidente Manuel Baltar asinou un convenio co administrador da Asociación Empresarial de Portugal, Paulo Vaz, e o director internacional de Red Mundo Atlántico, Juan Carlos Piñeiro.
Manuel Baltar expresou a súa satisfacción por un acordo que demostra "a repercusión que ten na sociedade un evento tecnolóxico das características da Mobile Week, o que nos vai permitir seguir avanzado no obxectivo de converter a provincia nun territorio intelixente".
O plan ten como obxectivo “fomentar a colaboración público-privada para facer fronte á transformación dixital que supón a implantación do 5G”, que, en palabras da Deputación, “terá un impacto que vai máis aló do mero cambio tecnolóxico nas redes e infraestruturas de comunicación móbiles, con consecuencias na economía e na sociedade, ademais dun aumento sen precedentes no número de dispositivos conectados, no volume de transferencia de datos e na capacidade de xestión remota en tempo real”.
O convenio tamén procurará a implicación da sociedade, as universidades e as administracións na aplicación práctica desta quinta xeración nas comunicacións móbiles, así como tamén o fomento neste eido do I+D+i entre as empresas tecnolóxicas.
A Deputación de Ourense, a Asociación Empresarial de Portugal e Red Mundo Atlántico tamén se comprometen a estudar a captación de fondos públicos e investimento privado para o desenvolvemento destes obxectivos, sen esquecer accións de promoción para dar a coñecer este plan entre a poboación dos territorios implicados.

PUBLICIDADE