A Deputación de Ourense achega en liña datos urbanísticos dixitalizados de 15 concellos

luns, 30 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense informa do desenvolvemento da iniciativa Urbanismo en Rede, un programa que, como o seu propio nome indica, diríxese a empregar as novas tecnoloxías da información para mellorar a comunicación que a cidadanía mantén cos seus concellos en materia de ordenamento e xestión do solo, entre outras cuestións ligadas ao eido construtivo. Máis polo miúdo, o que se pretende é publicar en Internet a información urbanística dixitalizada dos concellos ourensáns. O servizo xa está dispoñíbel na web do organismo provincial, no apartado Concellos. Nel poderemos ver xa os plans urbanísticos de 15 concellos, información que se incorporará ao Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento.
Segundo informa a Deputación acerca dos antecedentes deste recurso, o proxecto de dixitalización dos Plans Xerais de Urbanismo dos concellos da provincia de Ourense, presentado polo Negociado de Planificación da Deputación de Ourense ao programa Urbanismo en Rede, iniciouse no segundo trimestre do 2010, entrando nunha primeira fase os concellos de Allariz, Celanova, O Carballiño, Sandiás, Verín, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia, e nunha segunda fase, na que se incorporaron Avión, A Peroxa, Esgos, Melón, Muíños (Pendente de finalizarse), Toén, Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar.
Con esta iniciativa a Deputación de Ourense pretende “dar resposta a unha necesidade moi demanda polos cidadáns mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos, fomentando así a interoperabilidade entre administracións a través de servizos web e mellorando a eficiencia na xestión”. Asemade, informa o organismo provincial, favorécese a “introdución de ferramentas que faciliten a operativa dos técnicos municipais e achégase aos cidadáns a obtención de información urbanística online de forma inmediata e personalizada”.
O programa Urbanismo en Rede está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, achega o 70% e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense.

PUBLICIDADE