A Deputación de Lugo xunta na Rede demandantes e fornecedores de emprego

luns, 29 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo presentou este luns un servizo gratuíto de emprego a disposición de veciñanza, empresas e colectivos. Trátase da Axencia de Colocación, un instrumento da entidade provincial con plataforma web de seu (deputacionlugoportalemp.com), que servirá para que os profesionais da institución lucense poñan en contacto aos demandantes e aos fornecedores de emprego da provincia. O sitio dixital tamén permitirá trasladarlle á Deputación toda a información xerada.
O servizo foi dado a coñecer pola deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, quen lembrou que, amais do devandito sitio web, tamén conta con oficina presencial no Pazo de San Marcos, sede da Deputación. Alí desenvolverán o seu labor de asesoramento e atención persoal os profesionais-axentes de emprego do organismo provincial.
Segundo engadiu, a oficina atenderá ás persoas demandantes de traballo e emprendedores pero tamén aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren, tendo en conta as súas necesidades, para mellorar ou ser máis competitivos.
Este xoves porase en marcha no Pazo de San Marcos dita oficina, funcionando de luns a venres dende as 09:00 horas ás 14:00 horas; e estará a pleno rendemento a devandita plataforma deputacionlugoportalemp.com. Tamén se pode acceder á mesma dende www.deputacionlugo.gal, pois hai un banner de enlace directo.
Segundo engadiu a deputada, “trátase dun servizo moi humano, próximo e fiábel, ao contar coa oferta e demanda de emprego que existen na provincia”. Na súa opinión, a axencia marca as diferenzas con respecto a instrumentos análogos, tanto pola súa proximidade aos lucenses como polo amplo abano de servizos que fornece, tanto de xeito presencial como de maneira telemática.

PUBLICIDADE