A Deputación de Lugo vaise a FITUR con dúas revolucionarias apps de turismo

luns, 20 de xaneiro do 2020 Redacción

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentarán as últimas novidades da entidade provincial en materia de innovación turística o vindeiro xoves (23 de xaneiro) na nova edición da feira FITUR que se celebra en Madrid. Estas novidades acompañan a campaña Lugo,¡ven!, que lles serve de marco referencial e no que a Deputación puxo todo da súa parte para incrementar a pegada da provincia no mundo. A campaña incluíu a posta en marcha de dúas novas aplicacións para dispositivos móbiles que teñen como finalidade “difundir os principais atractivos da provincia e mellorar a experiencia do visitante”.
A presentación das apps, que se desenvolverá no stand de Galicia, estará moderada polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia. Tamén participarán as alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
A deputada de Turismo avanzounos que o obxectivo da campaña Lugo, ¡ven!, integrada na marca Lugo Cambia, é mellorar a experiencia do visitante: “Queremos que quen recale na provincia de Lugo garde un recordo agradábel da súa estadía, que a viva intensamente e planifique a súa viaxe do mellor xeito posíbel”.
Co obxectivo de lograr o devandito, a Deputación presentará a aplicación móbil de balde Inventrip, que inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un conxunto de información que permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición”, explicou a entidade provincial.
A outra ferramenta tecnolóxica que a Deputación presentará en FITUR é Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través das técnicas máis avanzadas de Realidade Aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. Esta ferramenta achega aos usuarios unha contorna virtual que lles permite visitar de xeito envolvente e innovador calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co “fin de motivalos a que fagan unha visita real”.
A Deputada de Turismo remarcou a importancia de que a Deputación de Lugo faga unha presentación propia en FITUR das potencialidades turísticas da provincia. “É unha moi boa oportunidade para amosar todos os nosos recursos e oportunidades, e forma parte da nosa estratexia de impulso do turismo para xerar riqueza e emprego na provincia”.
Tamén lembrou que a institución provincial lucense destina nos orzamentos 2020 máis de 2,4 millóns de euros ao desenvolvemento turístico, co fin de continuar mellorando “o moi bo número de visitas logrado no último ano”.

PUBLICIDADE