A Deputación de Lugo rematou a selección do persoal para desenvolver o Acelera PEME

martes, 16 de maio do 2023 S. P.

A Deputación de Lugo informou do remate do proceso de selección do persoal necesario para desenvolver o programa Acelera PEME, a través do que prestará durante dous anos soporte e asesoramento gratuítos a pequenas e medianas empresas e persoas autónomas en materia de transformación dixital.
O proxecto está financiado con fondos da Unión Europea, a través da entidade pública empresarial Red.Es (dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital), que aporta 400.000€, mentres que a institución provincial achega 100.000€. Este programa conta con seis dinamizadores e un xestor dixital, que atenderán as oficinas xa despregadas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.
Acelera PEME é un programa que busca axudar ás empresas na súa transformación dixital e, con iso, fomentar a transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, contribuíndo ao mantemento da poboación rural no contexto do reto demográfico.
Trátase dunha das medidas enmarcadas na Axenda España Dixital 2026 e no Plan de Dixitalización de PEME que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

PUBLICIDADE