A Deputación de Lugo reforza a comunicación do seu servizo de teleasistencia

martes, 17 de marzo do 2020 Redacción

Ante a ameaza do COVID-19 e as restricións e illamentos forzosos derivados do estado de alarma decretado polo Goberno central e co obxectivo de seguir dando o mellor servizo posíbel a persoas maiores, a Deputación de Lugo vén de fortalecer a comunicación do seu servizo de asistencia, simbolizado co botón vermello de chamada. E faino cunha campaña con recomendacións, medidas e cuestións a ter en conta para contribuír a frear a propagación do coronavirus. En total, serán obxecto deste fortalecemento na atención na comunicación 1.302 persoas maiores da provincia.
A campaña, entre outras cuestións, inclúe chamadas ás persoas usuarias para lembrarlles que dispoñen dun teléfono de información centralizado relativo á enfermidade, facilitarlles recomendacións de hixiene e protección, e dar consellos adaptados a esta nova situación aos seus coidadores. Ademais, farase un seguimento específico no caso de que usuarios deste servizo tiveran que realizar a proba do coronavirus, intensificando as chamadas para comprobar a evolución da sintomatoloxía.
Por outra banda, segundo informou a Deputación estableceuse un protocolo de seguimento especial no caso de que usuarios e usuarias tivesen que someterse a un illamento por posible diagnóstico de COVID-19. Neste caso, explica a entidade, “farase un control telefónico continuado, chamando de forma diaria durante 14 días para coñecer o seu estado de saúde e comprobar se houbo unha mellora ou empeoramento”.
O presidente da Deputación, José Tomé, explicou que “queremos que os nosos maiores non se sintan sós, teñan a información necesaria sobre esta nova enfermidade e saiban que deben facer no caso de sentir algún dos síntomas”.

PUBLICIDADE