A Deputación de Lugo quere levar a eAdministración a 66 concellos da provincia

martes, 27 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo semella ter a promoción das novas tecnoloxías no seu punto de mira, tal como se pode desprender da porcentaxe de recursos que vai destinar a cuestións como o pulo á dixitalización dos procesos administrativos no ámbito local. Segundo informa o órgano provincial, vénse de aprobar no seu seo o prego do programa Innova-TE para a contratación de servizos de administración electrónica (eAdministración) na propia Deputación e máis en 66 concellos de Lugo. A xuízo da institución, estaríamos ante o prego co maior investimento en novas tecnoloxías do coñecemento feito nunca antes na nosa terra.
Máis en detalle, a Deputación dedicará a estes obxectivos 7 millóns de euros (do total de 9 millóns cos que conta Innova-TE), dos que o 70% virán achegados pola Unión Europea e un 30% por INLUDES. A idea é sentar os alicerces para que todo o proceso de dixitalización estea operativo para o seu uso en 18 meses, “de forma global e conxunta para todos os devanditos concellos”.
Para a Deputación, unha das grandes vantaxes que o proceso lle vai reportar á cidadanía baséase na posibilidade real de axilizar trámites e dedicarlles moito menos tempo e esforzo ás comunicacións que decote está obrigada a manter cos seus concellos. Con este proxecto, sinalou o presidente do órgano provincial (Xosé María Gómez Besteiro) durante a presentación do mesmo, “os veciños da provincia deixarán de ser cidadáns in line, é dicir cidadáns que fan cola, para ser cidadáns que soluciona dende o seu fogar e en tempo real os trámites coa administración”. Deste xeito, engade, será posible levar a cabo operacións de todo tipo, como por exemplo pedir o certificado de empadroamento, pedir ou consultar o estado das subvencións, inscribirse en oposicións ou solicitar permisos ou licenzas municipais.
Para isto, puntualizou, os veciños só terán que entrar na páxina da Deputación ou nas dos Concellos, e identificarse a través do DNI electrónico. A continuación, poderán descargar os formularios necesarios, acompañar a documentación precisa, e facerllo chegar á administración correspondente mediante a Rede. A xuízo do órgano provincial, esta aposta pola administración electrónica repercutirá tamén, positivamente, “na integración social malia o espallamento da poboación e a orografía da provincia, facendo que todos os veciños participen da vida local”.

PUBLICIDADE