A Deputación de Lugo presenta en FITUR a súa nova aposta polo audiovisual e as redes

xoves, 24 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou hoxe en FITUR, o máis referencial evento turístico do ámbito español, o novo spot audiovisual feito pola entidade lucense para promover os moitos e variados atractivos da provincia. A peza, que se pon a disposición da comunidade de viaxeiros nas redes sociais e máis na web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, forma parte da campaña de promoción Lugo Cambia, lanzada hai dous anos. Lugo Cambia, que vai pola súa terceira fase, diríxese ao pulo turístico da provincia. Ao longo da súa traxectoria xa xerou sete vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués, todos eles nas redes sociais.
Segundo lembrou Campos Conde en FITUR, Lugo Cambia xira sobre 3 eixos: o cambio da provincia de recuncho a recuncho (2017); o cambio que produce Lugo a quen a visita (2018) e os cambios nos sentimentos e emocións que transmiten as citas lucenses máis senlleiras (2019). Estes e outros datos foron dados a coñecer co gallo da presentación na feira madrileña do novo vídeo da Deputación, Provincia de Lugo: Moito por celebrar, que foi mostrado na compaña do popular comunicador galego Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos alcaldes dos principais concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
A nova peza e as súas diferentes variantes en distintas linguas atópanse como dixemos nas redes oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal, no apartado específico sobre turismo. Segundo informou a entidade provincial, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer as festas, celebracións e citas gastronómicas máis singulares e únicas da provincia así como os recursos patrimoniais, naturais, culturais e históricos que rodean estes encontros festivos “co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes para que experimenten momentos emocionantes e inesquecíbeis”.
Campos Conde subliñou que “hai dous anos, iniciabamos en FITUR a campaña Lugo Cambia coa presentación, na que é a feira turística de referencia no ámbito estatal, dos primeiros cinco traballos audiovisuais cos recursos turísticos dos nosos 67 concellos, nunha clara aposta pola promoción do conxunto da nosa provincia como un destino turístico único. Hoxe, damos a coñecer novas iniciativas de reforzo da nosa campaña de promoción da provincia, sendo unha pequena mostra do que temos preparado para este 2019, cuxo obxectivo é conseguir que máis xente nos visite e experimente as intensas emocións que poden sentir nunha viaxe a Lugo ao deixarse envolver pola autenticidade de centos de festas, que te cambian para sempre”.
Pola súa banda, Martín Barreiro explicou que “dende o primeiro momento no que me propuxeron participar neste marabilloso proxecto sentinme honrado e ilusionado, pero non me imaxinaba naquel momento o verdadeiramente intenso da aventura”. Segundo fixo saber, relatando a súa experiencia propia, “a viaxe pola provincia de Lugo é unha viaxe polos sentimentos, unha viaxe polos recordos, e, para gran sorpresa para min, unha viaxe chea de descubrimentos, encontros festivos e intensas emocións”.
A campaña Lugo Cambia enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, unha estratexia “totalmente participativa” elaborada pola Executivo provincial. A campaña recibirá en 2019 novos folgos ao tempo que se prevé fortalecer a colaboración da entidade que preside Darío Campos co sector turístico, desenvolvendo máis e novas iniciativas.
Polo que se refire a FITUR, é o principal referente de acontecementos turísticos do ámbito estatal. De feito, na pasada edición reuniu preto de 245.000 persoas de 165 países entre profesionais, xornalistas e público en xeral. Durante a celebración de FITUR, a provincia de Lugo estará presente no stand de Turgalicia (pavillón 9) a través do que haberá contacto directo con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación, co obxectivo “de transmitir os atractivos da provincia lucense”.

PUBLICIDADE