A Deputación de Lugo premia cinco maneiras de promover a provincia a través do innovador

martes, 28 de setembro do 2021 S. P.

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; o proxecto Viveiro ante o Berce; e a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, recibiron os galardóns Lugo Cambia ao turismo lucense. Amais, ASOPORCEL foi premiada na categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. Estes recoñecementos, os segundos premios á excelencia do turismo e a hostalaría da provincia de Lugo que entrega a Deputación, foron entregados este luns 28 no salón de actos da institución provincial, coincidindo coa Día Mundial do Turismo.
Concedéronse dúas distincións: os premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu a gala de entrega destes galardóns, segunda edición.
O acto contou coa presenza da Vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro Tallón, de deputados e deputadas provinciais, da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e dos membros do Consello de Turismo, o órgano que convocou e que fallou os galardóns. Alberte Cabarcos foi o mantedor da gala, na que actuou Iria Estévez interpretando varias pezas musicais. O acto foi retransmitido por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.
As cinco entidades premiadas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós.
Pilar García Porto abriu o acto destacando que “obxectivo inicial co que naceron estes galardóns viuse reforzado coa chegada da pandemia da COVID-19, pois promocionar a oferta turística e gastronómica da nosa provincia, e recoñecer aos profesionais e entidades que a impulsan, volveuse máis necesario ca nunca”.

Os premiados

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir aos seguintes catro proxectos turísticos e entidades:
- O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel resultou distinguido polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico. Foi declarado en 2019 pola UNESCO o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.
- A páxina web Terras de Burón, impulsada polos concellos de Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, foi premiada polo xurado pola súa labor de fomento e promoción turística deste territorio da Montaña lucense. Esta páxina e as súas redes sociais adáptanse ás novas tecnoloxías e integra as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na experiencia turística, salientou o xurado.
- O Concello de Viveiro recibiu o galardón polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra no Nadal cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia. A praza de Santa María acolle, nos meses de decembro e xaneiro, este nacemento de Cristo a tamaño real que recrea a vida cotiá en Belén. Entre as escenas que se representan atópanse O Misterio; a Anunciación aos Pastores; a Anunciación á Virxe; a visita dos Reis Magos; a Matanza dos Inocentes; e a Sala do Trono de Herodes.
- A Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, foi distinguida co premio ao turismo lucense por desenvolver iniciativas singulares en Galicia tras a recuperación dun espazo de turismo rural de 2 hectáreas de terreo e de infraestruturas que estaban abandonadas. Trátase dun proxecto que naceu hai unha década co obxectivo de recuperar a súa historia respectando as construcións do século XIX sen renunciar á modernidade e ás novas tecnoloxías, destacou o xurado.
Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foi galardoada a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) polo seu traballo de recuperación e conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, predominante a primeiros do século XX, pero que pasou a ser unha actividade residual. Na actualidade, esta entidade traballa para a preservación do patrimonio xenético desta raza, compatibilizándoa como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural. A asociación aglutina hoxe a 138 explotacións.

PUBLICIDADE