A Deputación de Lugo organiza un obradoiro para afianzar as administracións locais no bo uso das redes sociais

luns, 9 de febreiro do 2015 Redacción

Moitos de nós coñecemos o básico sobre as redes sociais pero, de certo, estamos un algo lonxe de saber o específico delas. Sobre todo o que atinxe ás maneiras máis axeitadas de empregalas na Administración Electrónica. Botar luz sobre isto e abrir camiño en materia de comunicación 2.0 cidadanía-administracións é o gran obxectivo da xornada Xestión e uso das redes sociais nos concellos que organiza a Deputación de Lugo o 20 de febreiro, dende as 10.30 horas no salón de actos do pazo de San Marcos de Lugo. A sesión, que é de balde, forma parte das actividades organizadas pola Deputación para avanzar en materia de eAdministración (actividades como por exemplo a convocatoria de orzamentos participativos).
Segundo explica a Deputación, “trátase dun obradoiro totalmente práctico dirixido a autoridades e traballadores de todos os concellos que busquen complementar a súa formación no ámbito dixital e redes sociais e na que se darán as claves para unha boa comunicación institucional nos novos medios”.
Máis en detalle, a iniciativa insírese no proxecto Goberno Intelixente para os cidadáns da Provincia de Lugo: Rede provincial de Concellos para o fomento da participación cidadá e da transparencia, enmarcado á súa vez en InnovaTE2: Dep. Dixital da Deputación de Lugo.
O obradoiro será impartido por profesionais “de ampla traxectoria no ámbito dixital e comunicativo”. Este programa, engaden fontes do organismo provincial, “representa unha oportunidade para achegar ao persoal dos municipios da provincia ás novas canles de comunicación social, amosar estratexias comunicativas desde o punto de vista da administración local e mellorar a comunicación cos veciños e as veciñas”.
No obradoiro trataranse temas como o papel dos novos medios sociais para as administracións e a súa importancia na política, a comunicación tradicional versus a comunicación online, as claves dunha boa estratexia de comunicación dixital para unha administración local, o uso de Twitter e Facebook e como tirar o máximo partido de Google.
Por certo que no marco da xornada presentarase o Informe de situación de adopción e uso de medios sociais e de novas canles de comunicación online por parte dos concellos da provincia de Lugo e do estado de participación cidadá a través dos mesmos, segundo apunta a Deputación “o primeiro destas características que existe a nivel galego, e un dos primeiros que se publica no territorio español”. O informe recolle unha radiografía pormenorizada do estado en que se atopan os concellos da provincia en materia de redes sociais e achega tamén consellos encamiñados cara ao correcto uso destas ferramentas, para unha xestión eficaz e transparente.
Os interesados en participar nesta xornada poden inscribirse no correo electrónico rrss.transparencia@deputacionlugo.org, a onde terán que enviar os seus datos persoais.

PUBLICIDADE