A Deputación de Lugo intégrase na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

venres, 22 de novembro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo acordou hoxe incorporarse como membro institucional á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, un ente de ámbito estatal que está coordinado pola Secretaría de Estado de Turismo e SEGITTUR e que ten entre os seus obxectivos facer avanzar o sector en materia de innovación, sustentabilidade, colaboración e novas tecnoloxías.
A voceira do Goberno socialista, Pilar García Porto, explicou que se “trata dunha adhesión que non supón ningún compromiso económico pero que si que estamos convencidos de que repercutirá positivamente na chegada de visitantes á nosa provincia, pois faremos de Lugo un destino moito máis atractivo”.
García Porto lembrou que un dos obxectivos da Rede é transformar tecnoloxicamente os destinos para que “sexan máis competitivos”. Amais, describiu diferentes iniciativas que se están a desenvolver neste senso na entidade provincial, como a implantación dun sistema de información turística intelixente, a través de plataformas que estarán dispoñíbeis en diferentes dispositivos portátiles. A isto, sinalou, cómpre engadir a instalación dunha rede de sinalización turística intelixente nos concellos (“unha forma de achegar aos visitantes a información turística relevante dun xeito innovador”).
García Porto engadiu que con estas accións iniciais, “evidenciamos que temos un claro interese por apostar e empregar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliñou.
A día de hoxe forman parte desta Rede de Destinos Turísticos Intelixentes 73 destinos de España, dos cales cinco están en Galicia (Concello de Ourense, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense).

PUBLICIDADE