A Deputación de Lugo inaugura en YouTube o seu ciclo de xornadas para reactivar o turismo

luns, 8 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo celebrou este luns o seu primeiro foro Abrindo as portas: o rexurdir do turismo. Celebrouse en formato integramente online e tivo o obxectivo de abordar as claves para xerar confianza na cidadanía de cara á recuperación do sector e, tamén, da provincia como destino. O xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, e a deputada de Turismo, Pilar García Porto, participaron na primeira sesión que se retransmitiu en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais. Estes encontros de acceso libre e gratuíto continuarán o mércores e xoves desta semana e os vindeiros días 15 e 17.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou no primeiro dos foros dixitais Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que organiza a institución provincial no marco da campaña En Lugo, Si. Esta primeira sesión consistiu nun relatorio sobre sustentabilidade e confianza como claves para reactivar o sector, dirixida polo xefe de área de Turismo Sustentábel da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo.
O responsábel da dita entidade estatal incidiu neste foro na necesidade de “aplicar boas prácticas no sector turístico que xeren confianza no conxunto da cidadanía no novo escenario post-COVID-19”, e por iso salientou as guías con medidas hixiénicas-sanitarias elaboradas pola institución pública á que pertence, e que están dispoñíbeis de xeito gratuíto para o sector. “Temos que aplicar un conxunto de medidas específicas ante a nova situación, pero non abonda con iso, senón que a confianza no cidadán debese xerar aplicando boas prácticas en materia de sustentabilidade turística, que é o que dá ese valor engadido ao produto que nós ofrecemos”, dixo.
O relator debullou as ferramentas coas que a Secretaría de Estado establece sinerxías coas empresas, asociacións e entidades público-privadas para fortalecer o tecido turístico español. Por exemplo os Clubs de Produtos Turísticos de España, que axudan á promoción de produtos autóctonos ao traballar baixo o mesmo paraugas. É o caso da Ruta do Viño, Ecoturismo en España, Saborea España, Cidades Patrimonio da Humanidade ou Turismo de Saúde.
Blanco Portillo puxo exemplos de ferramentas coas que xa están traballando vencelladas ás novas tecnoloxías na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, ente ao que a Deputación de Lugo acaba de adherirse. “Estamos ideando aplicacións que permiten coñecer o fluxo dos visitantes e detectar se se producen aglomeracións en tempo real, para así poder actuar en consecuencia e establecer límites de capacidade acordes á realidade de cada escenario, como poden ser as praias ou calquera punto de interese turístico”. Neste sentido, a deputada de Promoción do Territorio puxo en valor que a institución forme parte deste organismo que fortalece as iniciativas que poñen en marcha as entidades ao traballar con asesoramento e en rede.
Participantes nos encontros de turismo online
Todos os foros de turismo online comezarán ás 11:00 horas e contarán coa participación da deputada de Turismo, Pilar García Porto. O mércores 10 de xuño, no diálogo con representantes de colectivos empresariais intervirán as asociacións galegas de Albergues Privados -AGALBER-, de Axencias de Viaxes – AGAVI-, de Empresas de Turismo Activo e de Natureza – AGETAN-, xunto ás asociacións provinciais de Empresarios de Hostalería de Lugo –APEHL-, e de Guías de Turismo de Galicia -APIT GALICIA-.
O xoves 11 de xuño, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.
O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.
O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL-, Hostelería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.

PUBLICIDADE