A Deputación de Lugo impulsa a dixitalización da información turística en 67 concellos
xoves, 6 de agosto do 2020
A Deputada de Réxime Interior,
Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa de que dende a Deputación de Lugo se
está impulsando a dixitalización da información turística nos 67 concellos da
provincia. Para iso, facilitáronselles recursos dixitais, carteis e información
dos principais puntos de interese de cada localidade para que distribúan nos
lugares e dependencias municipais onde conflúen os visitantes. O obxectivo é
ofrecer información atractiva que as persoas que pasan as súas vacacións na
provincia poden consultar dende os seus dispositivos electrónicos.
Por un lado, ponse a disposición
dos municipios información sobre os puntos de interese que dende a área de
Turismo se recapitulou para a dotar de contidos a aplicación Inventrip para
móbiles e tablets, dispoñible tanto en galego como en castelán. Así
mesmo, fíxoselles chegar cartelería personalizada para cada municipio con
enlace a través de código QR á app Inventrip, onde a Deputación ofrece
cumprida información sobre os reclamos turísticos de cada localidade. A
finalidade é que eses carteis se coloquen en lugares visibles e accesibles aos
visitantes, como son as oficinas de turismo, monumentos e lugares de hospedaxe
e restauración.
García Porto explica que a
dixitalización é unha das follas de ruta principais que segue a área de
Promoción do Territorio e Turismo, cun reforzo engadido neste sentido durante a
crise sanitaria da COVID-19. “A transformación dixital neste sector non é unha
opción, é unha estratexia esencial par dar resposta aos novos segmentos, ás
novas necesidades e aos novos comportamentos do turismo”, explica a Deputada. “Somos
conscientes de que aos concellos da provincia, sobre todo aos pequenos,
cústalles grandes esforzos poder introducir cambios e melloras en materia
turística, por iso queremos facilitarlles información e colaborar en todo o que
estea ao noso alcance”.
A Deputada subliña que “o turismo
camiña cara a integración do viaxeiro na experiencia da viaxe e a tecnoloxía
facilita en gran medida a relación que se establece entre o lugar e o
visitante, o que unifica as sensacións que experimentamos dende antes de
emprender a viaxe, durante a viaxe, e unha vez que volvemos á casa coas maletas
cheas de vivencias”.
Aposta polas TIC
A Deputación de Lugo vén
promovendo o turismo a través das novas tecnoloxías co obxectivo de facer que a
oferta sexa máis accesible e competitiva e mellorar a experiencia do visitante.
Nesa liña de acción lanzou dúas aplicacións para dispositivos móbiles que
comparten o fin de difundir os atractivos da provincia e incentivar as visitas.
Por un lado, Inventrip, que
inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do
patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo
activo, restaurantes e establecementos turísticos. Un conxunto de información
que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis
lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa
posición.
Por outro lado, outra das grandes
apostas da Deputación é a app Lugo 360, unha aplicación móbil de balde,
que a través da realidade aumentada permite facer unha viaxe a 25 localizacións
da provincia a través dun dispositivo móbil. Esta é unha iniciativa que reforza
o turismo de experiencias e favorece a posta en valor e promoción do inmenso
patrimonio cultural e natural da provincia. A app abre unha contorna virtual
que lle permite ao usuario unha visita inmersiva a calquera dos catro
xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e
Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.
Ademais, coa mesma filosofía de
dixitalizar o turismo na provincia, a Deputación habilitou na web da área
de Turismo un novo espazo destinado ao sector turístico onde profesionais e
empresas poden atopar documentación do seu interese. Nel pódese atopar un manual de boas prácticas, recursos
de formación, informes de incidencia da COVID-19 no sector e recomendacións da
Organización Mundial do Turismo.